A rexedora subliña “o considerable incremento no número de matrículas e na participación activa do estudantado de Viveiro nos últimos anos”
Viveiro, 5 de setembro de 2024. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca a importancia da educación universitaria a distancia no concello con motivo do inicio dun novo curso académico.
A rexedora mantivo unha reunión na Casa do Concello coa directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira, na que ambas responsables compartiron os logros do pasado ano académico e repasaron os plans futuros para este curso 2024/2025.
Loureiro subliña “o considerable incremento no número de matrículas e na participación activa do estudantado de Viveiro nos últimos anos, unha tendencia que, polo que vemos neste novo curso, segue a afianzarse”.
“Isto está sendo posible grazas á constante colaboración entre a UNED e o Concello, compartindo o compromiso de seguir traballando para desenvolver novos proxectos que beneficien a ambas partes”, sinala a alcaldesa.
“Un dos proxectos máis especiais no municipio é UNED Sénior, que fomenta o envellecemento activo proporcionando acceso á educación superior ás persoas maiores”, indica.
“Ademais, no curos 2025/2026 entrará en vigor o novo grao en matemáticas, un dos novos programas académicos que se implantarán no noso Concello”, engade Loureiro. “Seguimos ademais mellorando as infraestruturas tecnolóxicas para garantir o acceso de todas as persoas a unha educación de calidade”, conclúe.