Ángeles Vázquez salienta que estes plans son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2
Cervo, 4 de setembro de 2024. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o compromiso ambiental dos concellos galegos co desenvolvemento dos Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que se enmarcan no Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía.
Durante unha visita que realizou hoxe a Cervo, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira salientou que, desde que no ano 2018 a Xunta puxo en marcha a Oficina Técnica de Asistencia a Concellos, 263 municipios se adheriron a esta iniciativa, pasando dos 22 iniciais aos 285 da actualidade, dos que preto do 92% xa elaboraron o correspondente PACE. Estes plans son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.
Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo como exemplo as actuacións incluídas no PACE elaborado polo Concello de Cervo, como o programa de plantado de árbores de especies autóctonas en parcelas municipais. De feito, a conselleira visitou hoxe a finca das Quintas, que acolle un bosque mixto con arredor de 300 exemplares de castiñeiros, carballos e bidueiros, dos que 150 exemplares se plantaron ao abeiro deste plan de reforestación. Esta actuación levouse a cabo tamén noutros espazos do municipio e supuxo a implicación da poboación escolar, de usuarios de residencias, voluntarios, estudantes de xardinería e outros colectivos sociais.
A maiores, o proxecto municipal inclúe outras accións como, por exemplo, a modernización do sistema de saneamento e depuración, a mellora da envolvente térmica das escolas unitarias, a aplicación de criterios de eficiencia enerxética no deseño de equipamentos ou campañas de concienciación ambiental.
Iniciativas complementarias
Ademais, na liña de continuar o traballo levado a cabo nos últimos anos polo Goberno galego promovendo iniciativas que contribúan a converter a Comunidade nun auténtico refuxio climático verde e sostible, a Xunta presentou o pasado mes de maio a Rede local polo clima, que ten como obxectivo coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.
Cómpre lembrar tamén que a Xunta promoveu en 2022 a Alianza galega polo clima, que conta xa con preto de 150 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, para conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o cambio climático, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar unha Galicia neutra en emisións.
Galicia é a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (59,8%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (33%). Neste último caso, cómpre indicar que hai máis de 35 puntos porcentuais de diferencia con respecto ao nivel de emisións do conxunto de España, onde, ademais, non baixaron, senón que subiron un 2,4%.
E, a maiores, Galicia é tamén a comunidade que máis CO2 absorbe -o 20,9% do total de absorcións de España- e onde máis se incrementou a absorción en termos absolutos desde 1990 (nun 88,2%).