Foz, 28 de agosto de 2024. O Concello de Foz finalizou este martes a súa programación estival coa obra de teatro Silforiña, da compañía Golfiños, no pavillón do colexio público Nº1. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca que “foi un verán cheo de música, teatro infantil, teatro adulto, actividades acuáticas, feiras, talleres, danza, para pequenos e maiores que encheron as tardes e noites de Foz de actividade”.
A edil de Cultura manifesta tamén que “o balance das actividades deste verán é magnífico, cunha moi boa participación e unha enorme calidade. Temos que agradecer o indispensable traballo do persoal municipal así como dos artistas e empresas que fixeron posible que o verán de Foz destaque pola súa intensidade na Mariña”.
Pero en Foz o departamento de Cultura continúa o seu traballo e nos próximos días coñecerase a programación de outono-inverno, que “vén cargada de destacadas propostas culturais en tódolos ámbitos. O enorme traballo e investimento nesta área vén de ser recoñecido polo AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) cun maior importe subvencionado nas actividades programadas en colaboración con eles. Foz goza dunha programación dun nivel altísimo, moi por riba da media dos concellos co seu número de habitantes e sen auditorio”, explica a concelleira Inés López Couto, que engade: “queremos agradecer que o AGADIC continúe apoiando o noso esforzo nesta área. Así mesmo vimos de conseguir unha nova axuda para continuar a mellora da Sala Bahía, o noso único auditorio”.
E o alcalde, Fran Cajoto, remata: “estamos moi orgullosos da acollida de todas as actividades deste verán e continuaremos traballando pola cultura e a súa difusión, tratando de programar actividades para tódolos gustos”.