Ribadeo, 26 de agosto de 2024. O pavillón municipal de Ribadeo acolleu onte, domingo, un partido de fútbol sala feminino a beneficio da asociación Charcot Marie Tooth España. O encontro foi disputado polo Burela FSF e polo Praias de Barreiros e tivo a Vera como protagonista.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, lembrou que “desde o Concello de Ribadeo quixemos estar a carón de quen precise da nosa axuda e colaboración. Nesta vila temos unha veciña de 9 anos que padece esta enfermidade, que lle foi diagnosticada hai uns meses, e pareceunos unha moi boa iniciativa realizar en evento benéfico para darlle visibilidade e para recadar fondos que vaian destinados á investigación”.
E engadiu: “estamos contentos da resposta das veciñas e veciños de Ribadeo e da contorna. O recadado, que foron 2.000 euros, irá destinado á asociación Charcot Marie Tooth España para que poida investigar sobre esta patoloxía. Como dixeron desde a organización foi unha tarde moi especial e emotiva a que vivimos na xornada de onte”.