O Concello publicou a oferta para a posta en marcha dun sistema de arrendamento por un importe de 44.000 euros para 4 anos
Barreiros, 23 de agosto de 2023. O Concello de Barreiros ultima a posta en marcha do ximnasio municipal coa licitación da nova maquinaria que vén a complementar a inversión na remodelación interior e exterior da instalación.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explica que “este investimento, no que levamos anos traballando, supón unha forte aposta polo exercicio físico e a saúde no municipio.” A rexedora explicou que se cando estea finalizado o investimento roldará os 250.000euros que “foron necesarios para poder funcionar con normalidade nunha instalación que non cumpría cuns mínimos de seguridade e hixiene, corrixíndose erros estruturais, dotándoa de recepción, enfermería e almacén -que tamén dan servizo ao pavillón municipal- e renovando a parte da sala do ximnasio para facela máis confortable”.
Estes investimentos foron posibles grazas ao apoio da área de Deporte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que aportou preto de 150.000 euros. A maiores, a posta en marcha deste servizo conta cun investimento do propio Concello de preto de 50.000 euros e unha axuda da Dirección Xeral de Deportes doutros 50.000 euros.
O Concelleiro de Dinamización, Dani García, explica que neste momento “o obxectivo do contrato posto en marcha é dotar a sala co equipamento preciso para adaptala ao maior tipo de persoas usuarias, complementando a adquisición de 3 máquinas que conseguimos ao solicitar a subvención da Xunta”.
Nova forma de acceso
O ximnasio e o pavillón municipais contarán tamén con novos controis de acceso nas portas, para o que será preciso unha adaptación taxas e regulamento. “Todo isto irá recollido nunha nova ordenanza municipal que xa estamos elaborando para preparar a apertura das instalacións nos vindeiros meses”, explicou García.