Grupo Entrepinares patrocinará ámbalas dúas xornadas grazas ao acordo logrado coa Alcaldía e a Concellería de Infancia e Xuventude
Vilalba, 19 de agosto de 2024. O Grupo Entrepinares e o Concello de Vilalba asinaron recentemente un novo acordo de colaboración grazas ao cal, a empresa vallisoletana con sede en Vilalba, patrocinará as actividades dos Días Infantís das festas de San Ramón e Santa María.
En primeiro lugar, o martes 3 de setembro, a Praza da Constitución encherase de inchables infantís e xuvenís, un toro mecánico, unha Shotter Gallery, un simulador de surf, unha Nerf Battle Arena e un fotomatón con plataforma 360.
“A nosa intención é que haxa variedade de actividades, para que todos os nenos e nenas poidan gozar dos días infantís, adaptándonos a gustos variados e diversos”, explicou a rexedora, Marta Rouco, que ademais sinalou que “ámbalas dúas xornadas contarán con horario de tarde e de mañá, en concreto as actividades comezarán ás 11:30 e rematarán ás 20:00, cun parón de 14:00 a 16:00”
Pola súa banda, o mércores 4 de setembro, os nenos e nenas poderán gozar de actividades acuáticas, grazas á instalación, tamén na Praza da Constitución, dunha rampa deslizadora, varios inchables acuáticos e unha festa da espuma que será o broche final dos días infantís. “O lugar de celebración dependerá das condicións meteorolóxicas pero agardamos poder gozar das actividades na Praza da Constitución”, sinalou a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo.
Ademais, durante ámbalas dúas xornadas, Entrepinares instalará un estand para repartir gratuitamente o seu novo lanzamento, un snaking de queixo destinado principalmente ao consumo infantil e que se fabrica integramente na nosa localidade.