A presentación da mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega, será ás 20:00 do 20 de agosto
Burela, 14 de agosto de 2024. O Concello de Burela acollerá, na Casa da Cultura, a exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”. Esta mostra do Consello da Cultura Galega será inaugurada o martes 20 de agosto ás 20:00.
O acto de presentación contará coa presenza de Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, e da burelá Emilia García López, responsable de Acción Exterior da mesma institución.
Esta exposicíón encádrase dentro da conmemoración do centenario das coñecidas como “Escolas Vellas” de Burela, e estará na Sala de Exposicións da Casa da Cultura ata o 10 de Setembro.
“Cremos que é unha boa oportunidade contar con esta exposición dunha entidade do prestixio como é o Consello da Cultura Galega, e especialmente facelo da man da súa presidenta Rosario Álvarez e dunha veciña de Burela coma Emilia García”, sinala o concelleiro Mario Pillado.
O edil de Educación apunta que, “se ben é certo que Burela xa puido contar coa exposición en 2014, o centenario das Escolas Vellas ben merece que recunquemos, a memoria e a cultura nunca están de máis”.
“Así mesmo, cremos fundamental tomar conciencia do país vinculado á emigración que somos, posto que, contando co gran número de nacionalidades coas que contamos na nosa vila, sempre imos ter unha sensibilidade especial coa migración, sexa no sentido que sexa, porque a súa aportación é fundamental tanto para as sociedades de orixe coma de destino”, engade Pillado.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, explica que “a exposición destaca o papel que xogaron os emigrantes na preservación e promoción da cultura galega, contribuíndo ao desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia”.
“Burela é unha vila migrante, e o legado daquelas xeracións da inmigración galega a América segue sendo moi influínte hoxe en día”, indica a concelleira.