Ribadeo, 10 de agosto, 2024. O violinista armenio Sergey Khachatryan, admirado no mundo pola interpretación do seu instrumento, foi o gran protagonista do ‘XI Festival Bal y Gay’ este venres 9 de agosto no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo con todas as entradas esgotadas. Brindou, xunto á pianista Lusine Khachatryan, un concerto dedicado a Luisa Villalta, figura homenaxeada no Día dás Letras Galegas 2024. Rendeu tributo á filóloga, poeta, dramaturga, profesora e violinista coruñesa nunha actuación cuxo repertorio contivo pezas de Franck, Bagdasarian, Chausson e Ravel. Foi o segundo dos 12 destacados concertos previstos ata o 23 de agosto no festival, referente en España por ofrecer a mellor música clásica do mundo en belos escenarios patrimoniais da comarca da Mariña (Lugo) desde 2014.
Khachatryan (Ereván, Armenia) gañou o primeiro premio no VIII Concurso Internacional Jean Sibelius de Helsinqui no 2000, converténdose así no gañador máis novo da historia deste concurso. En 2005 obtivo o primeiro premio no Concurso Queen Elisabeth de Bruxelas. A súa presenza internacional durante a pasada tempada levoulle a actuar coa Dresdner Philharmonie (Emmanuel Tjeknavorian), a Orquestra Sinfónica Nacional de Corea (Oksana Lyniv), a Orquestra do Ulster (Daniele Rustioni), a Orchestre National de Belgique (Michael Schønwandt), a Sinfónica de Queensland (Otto Tausk), ou a Auckland Philharmonia (Chloé van Soeterstède). Así mesmo, fixo unha gran xira norteamericana coa Filarmónica Nacional de Armenia, incluíndo grandes salas como o Roy Thomson Hall de Toronto, a Maison Symphonique de Montreal e o Carnegie Hall de Nova York.