Lugo, 6 Agosto, 2024. O sinistro produciuse na LU-530, entre o quilómetro 11 e 12, ao seu paso pola parroquia de Gondar (Lugo).
Foron varios os particulares que contactaron co 112 Galicia ás 18:15 informando do accidente. Na súa comunicación indicaban que un camión en un coche colidiran frontalmente. Segundo a información recollida polos xestores, o camión transportaba madeira, pero no momento do accidente atopábase baleiro, pola súa banda no coche ían dúas persoas que precisaban asistencia sanitaria urxente.
Decontado, desde a sala de operacións do 112 Galicia solicitouse a intervención do persoal sanitario do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Lugo.
Cabe destacar que, a maiores, desde o 112 Galicia tamén se informou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Con todo, malia os esforzos por parte do persoal sanitario, unha persoa perdeu a vida e outra resultou ferida.
Segundo a última información recibida no 112 Galicia, os Bombeiros tiveron que excarcerar ás dúas persoas do turismo, o condutor falecido e o acompañante ferido.