A mostra “Mariñas,marosas e maruxainas”, co retratos de 16 mulleres da comarca, pasa a formar parte da exposición permanente do museo cervense, que reforza a visibilidade das mulleres na súa museografía
Lugo, 2 de agosto de 2024. O Museo do Mar de San Cibrao incorporou á sua exposición permanente unha espiña dun bonito de 48 quilogramos doada por Antonio Rey Otero, coñecido como “Ton”, histórico mariñeiro e armador de Foz.
A espiña, procedente dun exemplar de gran tamaño capturado entre as costas de San Cibrao e Burela, pode verse na Sala 3 do museo , xunto a restos doutras especies mariñas e obxectos relacionados coas artes e aparellos de pesca.
Iria Castro agradeceu a xenerosidade de Antonio Rey Otero, sinalando que “é un orgullo que unha persoa que viviu e coñece o mar e os seus oficios como poucas decida legar esta peza ao Museo do Mar” e recordou o “estreito vínculo do Museo coa comunidade xa que os seus fondos proceden na súa maioría das persoas que cederon pezas, fotografías e a súa memoria persoal ao Museo”.
Renovación museográfica para ampliar a visibilidade das mulleres
Ademais desta peza, o Museo do Mar estreou unha museografía dirixida a reforzar a visibilidade das mulleres na historia do propio museo e da vida do mar coa incorporación á exposición permanente da mostra “Mariñas, Marosas e Maruxainas”, unha serie formada por 16 retratos e outros tantos textos de traballadoras do mar e da terra -unha por cada concello da Mariña- e creada polo 50 aniversario do Museo como homenaxe ás mulleres que coas súas mans construíron o pasado, presente e futuro da comarca.
En liña co propósito de incorporar ao museo a memoria das mulleres, o Museo do Mar fai un chamamento para recuperar a memoria das nenas que asistiron á escola que hoxe alberga o museo e das mestras que exerceron nela. Todas aquelas persoas que poidan ter información ao respecto (memoria oral, documentos, fotografías, etc.) poden compartila achegándose ao Museo ou enviándoas ao correo museodomar@museolugo.org.