Ribadeo, 2 de agosto, 2024. Desde o BNG de Ribadeo “queremos denunciar o estado lamentable da limpeza e do mantemento das rúas do Concello en pleno verán: beirarrúas e colectores sucios, descontrol na recollida, queixas das veciñas e veciños por esta situación de abandono, e as zonas rurais deixadas a monte”.
En palabras de Pablo Vizoso: “Recibimos queixas a diario sobre o noxo que dan os colectores e a sucidade que hai polas rúas ribadenses. Tamén nos chaman para avisarnos da falta de recollida de lixo e da mala xestión do mesmo. Como é posible que pagando 200.000€ no último ano a unha empresa privada, e tendo unha plantilla dobrada, o servizo sexa peor? Estase utilizando esta empresa privada para algo máis que para o enchufismo? Nas últimas semanas temos tamén constancia de que as máquinas municipais están traballando en terreos e fincas privadas, nunha actuación que roza a ilegalidade. Ribadeo é un descontrol e ten un goberno desbordado, incapaz e irresponsable”.
Por último, o voceiro Pablo Vizoso lembra que: “Desde o BNG de Ribadeo esiximos que se comece a traballar en serio e de xeito organizado. Non podemos admitir que se estea tirando diñeiro de todos en empresas privadas e ao mesmo tempo teñamos que padecer un peor servizo para os veciños e veciñas de Ribadeo. Non podemos seguir así”.