Ribadeo, 29 de xullo, 2024. Este Mércores 31 de Xullo hai unha cita en Ribadeo ás 19:30 h da tarde no Parque San Francisco (en caso de choiva farase no Cine Teatro) para recibir da man de Raquel Queizás unha sesión de contacontos baixo o título “Somos iguais”, organizado polo Observatorio Da Mariña pola Igualdade, asociación feminista da Mariña con máis de 15 anos de andadura.
Nesta obra Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de PRINCESAS ROSAS e apoucadas e de PRÍNCIPES AZUIS e insensibles e un día dixo BASTA XA!!!
Puxo o gorro e os anteollos de pilota e foi buscar contos para demostrar que nenas e nenos SOMOS IGUAIS. Si, igual de valentes e igual de sensibles.
Descubriranse historias de nenas e nenos (ou animais) que rompen os estereotipos que abundan nos contos; nenas decididas, nenos sensibles. Identificaranse situacións as que nos temos que enfrontar día a día, na escola, na casa, coas amigas e amigos, … onde a violencia ou a agresividade física e verbal pode ter solución grazas á palabra e gozarase brincando coa imaxinación que nos une.
Dende a nenez pódese previr todo tipo de violencia mediante novos modelos de feminidade e masculinidade rachando así cos roles e estereotipos asignados.