Barreiros, 28 Xullo, 2024. O equipo de rescate do helicóptero Pesca II, do Servizo de Gardacostas de Galicia, recolleu ao ferido e trasladouno ao Hospital de Burela.
Foi un particular que se atopaba pescando con el quen alertou ao 112 Galicia dez minutos antes das 11:30 horas: o home caeu á auga nunha zona de rochas en San Pedro de Benquerencia, preto das praias de Arealonga e das Pasadas, e estaba ferido nunha perna. No momento da chamada, conseguira agarrarse e subir nunha pedra.
Rapidamente, desde o 112 Galicia solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil, dos Bombeiros de Viveiro, do GES de Cervo e dos voluntarios de Protección Civil de Barreiros.
Xa nese intre, desde Salvamento Marítimo informaron da mobilización do helicóptero de rescate Pesca II, do Servizo de Gardacostas de Galicia, que acudiu decontado ao lugar dos feitos para efectuar o rescate.
Ao mesmo tempo, os medios en terra sinalaban a complexidade do operativo, que finalmente foi completado polo equipo do Pesca II, tralo que evacuaron ao ferido ao Hospital de Burela.