A Vicepresidencia da Deputación de Lugo patrocina esta proba organizada polo Club de Piragüismo de San Ciprián, que comezará ás 10.00 horas.
Lugo, 26 de xullo de 2024. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega a San Cibrao a terceira regata da Copa Deputación de Piragüismo, impulsada pola área de deportes coa participación dos clubs e da Federación Galega de Piragüismo. A proba, que se celebra este domingo 28 de xullo, está organizada polo Club de Piragüismo San Ciprián.
Na proba competirán 195 palistas de diferentes categorías desde prebenxamín ata xuvenil dos seis clubs de augas tranquilas da provincia -Club Kayak de Foz, do CP Urban Hotel Viveiro, CP Altruán de Ribadeo, CP San Ciprián, Club Fluvial de Lugo e Cidade de Lugo-. As saídas faranse de forma escalonada e por categorías a partir das 10.00 horas e ata as 11.30 horas.
O Vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro convidou ás afeccionadas e afeccionados a seguir a regata incluída na Copa Deputación e “que xa é un referente no calendario provincial. Desde a área provincial de Deportes tratamos de apoiar ese esforzo de forma integral, dando soporte económico a competicións como a liga provincial e impulsando tamén iniciativas formativas nos propios clubs e nos centros educativos”, explicou.
A competición organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Cada regata é organizada por un club, facilitando así que a actividade deportiva pero tamén económica e social que xeran as probas, se distribúa por toda a provincia, especialmente, na comarca da Mariña, onde se concentran catro das probas.