Verónica Soto lamenta “a deixadez” do goberno municipal en relación a un servizo turístico que debería ser importante para un pobo coma o noso que recibe moitos visitantes durante o verán
Foz, 24 de xullo de 2024. Os populares de Foz advirten que “case todas as pantallas de ‘A Mariña virtual’ ubicadas na Oficina de Turismo do Cenima están avariadas. Supoñemos que se pode deber á falta de mantemento”, segundo apunta a concelleira Verónica Soto.
Os populares lamentan a “deixadez e falta de preocupación do goberno municipal” que “non se preocupa polo correcto funcionamento dun servizo turístico importante para un pobo coma Foz que se converte nun referente turístico polo verán”. De feito, explican que “viñeron excursións con autobuses cheos de xente e turistas que non puideron usalas porque só funcionan dúas ou, como moito, tres”.
Soto recorda tamén a falta de aparcamento pola “mala xestión do goberno do Concello que ocupa os espazos dos aparcadoiros públicos municipais con material de obra e non se poden empregar para aparcar”. Polo que engade: “todo o relacionado co turismo, en pleno mes de xullo en Foz, falla. Agora tamén falla A Mariña virtual”.
Polo tanto, os populares de Foz urxen ao goberno local a “preocuparse por este servizo” e solicitar a quen corresponda a reparación das pantallas para que os visitantes dispoñan de información; non só de Foz, senón tamén doutros puntos de interese da comarca da Mariña.
Así mesmo, engaden que “é necesario realizar o seu correcto mantemento para que se manteñan en funcionamento, especialmente nas épocas de maior demanda”.