Nota de prensa:
Sorpresa nos populares porque sexan os socialistas “os reis do despilfarro” os que pretendan dar lección sobre como atallar a crise
O PP asegura que Ismael Rego estaría máis contento se os investimentos previstos en Cervo saíran fóra da Mariña
· A construción da réplica dunha goleta tipo San Ciprián promovida por Portos de Galicia, contribuirá á xeración de emprego, suporá unha aposta pola recuperación do riquísimo patrimonio cultural marítimo de Galicia, servirá de apoio á carpintería tradicional de ribeira e constituirá un punto de atracción turística único en Galicia.
Cervo, 26 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Cervo non se explica como é posible que un cargo público, o deputado socialista Ismael Rego, discuta os investimentos que a Xunta de Galicia ten previsto executar neste municipio. Os populares aseguran que as críticas de Rego son “inaceptables e un insulto para os veciños deste concello” e lamentan que tamén no Grupo Socialista do Parlamento de Galicia “estean contaxiados do mesmo mal que afecta aos dirixentes do PSOE local que, en vez de felicitarse polos investimentos que chegan ao concello, e procurar incrementalos, boicotean todas as obras e actuacións que puideran beneficiar aos veciños, de xeito especial, durante os anos do malogrado Goberno bipartito”. No Partido Popular local están convencidos que Ismael Rego estaría moito máis contento se os investimentos previstos en Cervo saíran fóra da Mariña.
CONSTRUCIÓN DA GOLETA
Os populares sinalan que a construción da réplica dunha goleta tipo “San Ciprián”, promovida por Portos de Galicia, só implica vantaxes: contribuirá a xerar emprego nos asteleiros galegos, promovendo unha actividade que está en fase de extinción e asegurando a continuidade do traballo destes artesáns do mar. Ao mesmo tempo constitúe un compromiso coa riqueza cultural de Galicia, preservando a cultura mariñeira da vila e da comarca da mariña lucense. Finalmente os populares defenden que tanto durante o proceso de construción da goleta, como unha vez construída coa súa exposición, esta actuación constituirá un punto de atracción turística de primeira magnitude, único en Galicia.
PRAZA DOS CAMPOS
Tamén no caso da nova praza dos Campos o investimento da Xunta está máis que xustificado, por canto é unha actuación “demandada desde a propia veciñanza xa desde fai anos” e que contribuirá a recuperar un espazo céntrico para o uso público, tempo de lecer, actividades deportivas e xogos infantís.
Finalmente no PP amósanse sorprendidos porque sexa un socialista quen pretenda dar leccións sobre como atallar a crise “sobre todo despois de terse caracterizado no Goberno da Xunta e no central por ser os reis do despilfarro” e insisten e que unha e outra actuación serven como medidas xeradoras de valor engadido e como medida anticrise.