O TXUE determinou que deben considerarse todos os contaminantes nocivos nas autorizacións. Altri só informou de 4 no seu proxecto
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024. Unha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da UE (Gran Sala), do 25 de xuño de 2024, recaída en Procedemento prexudicial formulado por un Tribunal italiano, vén de aclarar o alcanzo e interpretación de certos preceptos da Directiva 2010/75/UE (IPPC), sobre as emisións industriais (prevención e control integrados da contaminación), e entre outras cuestións determinou o seguinte:
“A Directiva 2010/75/UE debe interpretarse no sentido de que, para os efectos de expedir ou revisar unha autorización de explotación dunha instalación ao abeiro da devandita Directiva, a autoridade competente deberá ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsibles, á vista da natureza e tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan emitir a instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación”.
En base a este pronunciamento, a Xunta está obrigada a tomar as previsións pertinentes en relación ás avaliacións previas das repercusións da actividade do complexo industrial de Greenfiber (Altri + Greenalia) na Ulloa, tanto sobre o medio ambiente como sobre saúde humana, e a integrar ditas previsións nos procedementos de expedición dos permisos de explotación. A Adminsitración deberá ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsibles en función da natureza e o tipo de actividade industrial de que se trate, “todas as substancias suxeitas a emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación”.
Altri só informou no seu proxecto de 4 contaminantes atmosféricos das ducias que produce
O proxecto de Altri-Greenfiber, que foi obxecto de información pública e nestes intres está pendente de resolución da AAI (Autorización Ambiental Integrada), do trámite ambiental (DIA) e da solicitude de utilidade pública, só contemplou e cuantificou catro substancias contaminantes a atmosfera (partículas PM10, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e TRS -compostos reducidos de xofre-). Non cuantificou nin determinou os efectos ambientais e sobre a saúde das partículas finas PM2,5, o dióxido de carbono (CO), monóxido de carbono (CO2), Amoniaco (NH3), compostos orgánicos volátiles distintos do metano (COVNM), óxido nitroso (N2O), dioxinas e furanos (PCDD+PCDF), carbono orgánico total (COT), metano (CH4), mercurio (Hg), cadmio (Cd), zinc (Zn)… Xa que logo, Altri-Greenfiber estaría a incumprir os mandatos da Directiva 2010/75 ao ocultar datos sobre unha morea de contaminantes que emite.
A Xunta debe desestimar o actual proxecto e aplicar a Directiva IPPC de acordo coa interpretación do TXUE
Xa que logo, e en aplicación da interpretación fixada pola sentenza do TXUE, a Xunta debería desestimar a solicitude de AAI (Autorización Ambiental Integrada), a solicitude de utilidade pública, o EIA (Estudo de Impacto Ambiental) e o proxecto presentadas por Altri-Greenfiber. Asemade, e en previsión de novas solicitudes, debería requerir á mercantil para que proceda a determinar “todas aquelas -substancias- que sexan obxecto de emisións científicamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación”, así como a someter novamente a trámite de información pública a solicitude de AAI, o EIA, a declaración de utilidade pública e o proxecto.