Os pregoeiros serán M.ª Teresa Sanz Martínez e Pablo Zarzalejo Santamaría que foron os primeiros en casarse na Boda Medieval do ano 2009
Mondoñedo, 17 de xullo, 2024. Mañá xoves día 18, ás 20h, terá lugar, na Praza da Catedral, a presentación da edición número 32 do Mercado Medieval de Mondoñedo que se celebrará os vindeiros 9, 10 e 11 de agosto.
Na mesma darase a coñecer o cartel do presenta ano, o cartel do torneo medieval e o programa que volta a ser variado e que inclúe atraccións, ruadas, torneos de cabaleiros e, por suposto, a cena tradicional cea medieval que se celebrará o sábado día 10.
Un dos actos destacados do programa deste ano é que os pregoeiros do Mercado Medieval serán M.ª Teresa Sanz Martínez e Pablo Zarzalejo Santamaría que foron os primeiros en celebrar a Boda Medieval en Mondoñedo no ano 2009.
Ao acto de presentación está previsto que asistan membros da organización, voluntarios colaboradores no mercado, representantes de diversas asociacións e autoridades do Concello, Xunta de Galicia e Deputación Provincial de Lugo.
Dende a organziación queren convidar a todo o mundo a que asista a esta nova edición do Mercado Medieval de Mondoñedo.