Daniel García animou “á hostalería e á restauración a seguir apoiando a comercialización e a venda de produtos de proximidade”
Lugo, 12 de xullo de 2024. Barreiros acolleu este venres unha charla divulgativa e unha cata comentada sobre os viños da IXP Terras do Navia, organizada pola Asociación Galega de Viticultura e a FRUGA co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.
O deputado de Rural Daniel García participou na actividade, enfocada á promoción dos viños da conca do Navia entre a distribución e a hostelería e que contou tamén coa participación de Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura, e dos adegueiros Xosé Antonio Meixide e Manuel Cancio, así como do sumiller Martín Santos, encargado de guiar a degustación dos distintos viños que se comercializan co selo da IXP – de Adega Panchín, Adega Sidrón e Bodega da Señora-.
Na súa intervención, o deputado provincial e concelleiro de Participación en Barreiros valorou “o traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos polos adegueiros da conca do Navia para aproveitar o potencial produtivo da zona, recuperando os seus viñedos e impulsando un selo de calidade propio” e animou á distribución e á hostelería “a seguir apoiando a comercialización e o consumo de produtos de proximidade, que son fundamentais para a viabilidade dos nosos sectores primarios e destes proxectos pegados ao territorio”.
Durante a xornada, presentouse o Manual de Boas Prácticas na IXP Terras do Navia, un documento elaborado pola Fruga e a Asociación de Viticultura de Galicia que recolle todos os procesos de elaboración do viño, dende o cultivo ata a comercialización, recollendo tamén aspectos sobre o marco normativo e o mantemento da maquinaria, e que pretende servir de guía para adegueiros e adegueiros que aposten pola produción na zona.
A actividade en Barreiros pecha o ciclo de charlas divulgativas e catas promovidas pola área de Rural para ampliar o coñecemento da conca do Navia e dos seus viños tras lograren o pasado ano o certificado de calidade, que se celebraron tamén en Lugo, Vilalba e Viveiro nas úlitmas semanas.
Con elas, a área provincial deu continuidade á colaboración que mantivo nos dous últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, desenvolvendo diferentes accións de formación e asesoramento a mozos e mozas con interese por emprender o seu proxecto de vida vencellado aos viños de Terras de Navia, co obxectivo de recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas últimas décadas.