Ribadeo, 12 de xullo de 2024. Ribadeo vibra xa co Indiano 2024. A cor branca tingue xa as rúas e prazas. Unha morea de actividades se desenvolverán desde hoxe ata o vindeiro domingo.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “Ribadeo xa está preparado para o Indiano 2024, unha edición chea de actividades para que un ano máis o Ribadeo Indiano sexa inesquecible”.
A edil ribadense contou que “hoxe ás sete da tarde terá lugar o pregón a cargo de Pilar Cagiao Vila, profesora titular de Historia de América da USC, seguidamente a nota musical vaina poñer o noso queridísimo Coro Sagrado Corazón. Por suposto, acompañados do enxebre cuarteto tradicional Illa Pancha baixaremos recibir aos indianos ao peirao de Porcillán, representados polo noso queridísimo Grupo de Teatro de Ribadeo. E desde logo non faltarán nesta velada música e verbena”.
Saiz relatou que “mañá, sábado, será como sempre o día máis dinámico en canto a actividades. Haberá conferencias, torneos, visitas teatralizadas, obradoiros de baile, a rifada xincana, o mercado de ultramar na rúa de San Roque, esa espectacular entreda dos elegantes haigas e ás doce e media concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo e ás dúas da tarde a actuación de Contrabandeando. Xa pola tarde ás oito e media disfrutaremos do esperado Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana coas corais de Valparaiso, de Valladolid, a de Brigantino, de Bragança, e a nosa Coral Polifónica de Ribadeo”.
E lembrou que “para os que nos atopedes sitio para comer na hostalería ribadense recordade ese espazo gastronómico habilitado no centro social”.
A concelleira de Turismo indicou que “o domingo, 14 de xullo, produtoras e produtores locais ofrecerán saborosos e sans produtos de proximidade no Mercado dos Domingos. Recibiremos de novo aos elegantes haigas, volveremos contar con visitas teatralizadas, conferencias e obradoiros de baile, aínda que a indiscutible protagonista desta xornada é A Devesa, onde disfrutaremos do tradicional xantar campestre no Círculo Habanero”.
Marta Saiz insistiu: “recordade que, debido ao pase á final da selección de fútbol, o concerto do dominicano Vicente García adiántase ás sete da tarde para pode disfrutar da actuación estelar deste Ribadeo Indiano e despois animar á nosa selección. Desde a organización desexámosvos a ribadenses e visitantes un fermoso Ribadeo Indiano”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou que “todo está disposto para a celebración do IX Ribadeo Indiano. Esta vila recibirá durante esta fin de semana a milleiros de persoas dispostas a mergullarse na historia da emigración que protagonizaron moitos amigos e familiares a finais do século XIX e principios do século XX. O programa ofrece actividades para todos os públicos desde hoxe venres e ata o domingo, no que o broche de ouro será o concerto que ofrecerá Vicente García, cantante dominicano que conta con 4 Grammys Latinos, a partir das sete da tarde. E logo o sorteo presencial da viaxe a Cuba para dúas persoas, que terá lugar ás nove. Durante toda a xornada unha urna estará instalada a carón dos Cocos para que todas aquelas persoas que conten con rifas deixen aí unha parte desas papeletas para poder participar despois no sorteo deste importante premio, que enviará ao Caribe a dúas persoas no mes de setembro”.
A responsable do colectivo empresarial ribadense subliñou que “as casas de comidas e de bebidas ofrecerán o mellor de si ao longo desta fin de semana con menús e pratos especiais para render homenaxe á emigración e aos produtos que un día nos chegaron de ultramar. Sen esquecernos dos cócteles e bebidas tamén indianas”.
Cruzado Iglesias engadiu: “agardamos que todas e todos gocemos deste noveno Ribadeo Indiano. É tempo de deixar a un lado a vida cotiá para mergullarnos de cheo no noso pasado emigrante”.