O Deputado de Promoción Económica e Social participou na reunión do órgano de dirección deste centro universitario na que saíu adiante un presuposto de 1.070.000€ para o exercicio do vindeiro ano e unha nova oferta académica para o curso 2025-2026
Lugo, 9 de xullo de 2024. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na Xunta Reitora da UNED de Lugo que se celebrou na sede que a universidade a distancia ten na cidade lucense. Nesta reunión ordinaria quedaron aprobados os Orzamentos do ano 2025 e unha nova oferta académica coa implantación do grao en Matemáticas para o curso 2025-2026.
Concretamente, a sesión do órgano de dirección deste centro universitario sacou adiante un presuposto de 1.069.586,44€ para o exercicio do vindeiro ano, co obxectivo de manter un equilibrio financeiro e unha xestión prudente dos recursos. Tamén quedou aprobada a implantación do grao en Matemáticas, “que responde á demanda crecente de formación neste ámbito”. Entre os asuntos tratados, quedou aprobada tamén a liquidación e as contas do exercicio 2023 e o impacto positivo de diferentes programas e proxectos como #LugoNaturalMente.
Na Xunta Reitora da UNED de Lugo, celebrada hoxe, participaron tamén a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, -quen preside este órgano- o vicerreitor adxunto de centros, Íñigo Tejera, o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, o representante do Comité de Empresa Persoal de Administración e Servizos (PAS) da UNED, Carlos García, o secretario da UNED, Alejandro Prieto, e a directora da UNED, Ana Traseira.