Nota de Prensa
O responsable do Executivo galego presidiu, este mediodía, na Delegación da Xunta en Lugo, a comisión de seguimento do Plan
FEIJÓO AVANZA QUE A XUNTA MULTIPLICARÁ POR DOUS AS PARTIDAS PARA XERAR INVESTIMENTOS NA PROVINCIA DE LUGO A TRAVÉS DO PLAN IMPULSA QUE LEVA XA MOBILIZADO 103 MILLÓNS DE EUROS E PRETO DE 400 EMPREGOS
* Sinala que dos 12 millóns de euros no presuposto de 1010 pasarase a 26,7 millóns de euros no presuposto de 2011
* Reitera que, antes de que finalice o ano, presentarase o Plan Estratéxico da provincia, “un plan estratéxico de desenvolvemento económico e social e un dos compromisos do Plan Impulsa”
* Lembra que todos aqueles emprendedores que queiran investir na provincia de Lugo teñen unha subvención máxima que pode chegar ata o 50% do investimento
Lugo, 18 de outubro de 2010.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, en Lugo, que a Xunta multiplicará por dous as partidas específicas adicadas a impulsar investimentos na provincia de Lugo a través do Plan Impulsa Lugo; un plan que, segundo aseverou, leva xa xerado un investimento de 103 millóns de euros, que contribúen a crear e manter preto de 400 empregos.
Deste xeito, o responsable do Executivo autonómico, explicou que dos 12 millóns de euros no presuposto de 1010 pasarase a 26,7 millóns de euros no presuposto de 2011. “O Plan Impulsa Lugo –dixo- está funcionando, e vamos a potencialo e a multiplicar por dous os presupostos concretos no ano 2011 fronte ao ano 2010; é dicir, 26,7 millóns de euros fronte ao presuposto do ano 2010 de 12 millóns de euros, o que significa que podemos seguir xerando investimentos que buscan o mantemento e a creación de emprego”.
Así mesmo, o presidente da Xunta, que hoxe presidiu, na Delegación da Xunta en Lugo, a comisión de seguimento do Plan, reiterou que, antes de que finalice o ano, presentarase o Plan Estratéxico da provincia, “un plan estratéxico de desenvolvemento económico e social para a provincia que era –recordou- un dos compromisos do Plan Impulsa”.
Feijóo, lembrou que o obxectivo do Plan Impulsa Lugo non é outro que facer unha discriminación positiva para captar investimentos na provincia; “de xeito que, todos aqueles emprendedores que queiran investir na provincia de Lugo, teñen unha subvención máxima que pode chegar ata o 50% do investimento”.
Por último, afirmou que “nos últimos meses e a medida que se coñece este plan se están presentando máis axudas, máis proxectos e se está xerando máis investimento; o cal significa –concluíu- que o Plan Impulsa Lugo funciona, o que nos anima a seguir”.