A Mariña, 27 de xuño de 2024. A Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo anuncian con satisfacción que dan por rematada a campaña de doazóns tras reunir os 6000 euros necesarios, grazas á xenerosidade e colaboración cidadá, para a compra da parcela de Santo Estevo. A adquisición desta parcela permitirá preservar e recuperar un espazo de grande valor natural e arqueolóxico.
As tres entidades expresan o seu máis sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron as súas doazóns e apoiaron esta causa. A súa colaboración fai posible que este proxecto de preservación e rexeneración da fraga de Santo Estevo se convirta en realidade. Grazas ao apoio recibido será posible traballar para devolver este eucaliptal ao seu estado orixinal de fraga autóctona.
Ademais, esta compra permitirá abrir novas oportunidades para o estudo e a investigación histórica. A parcela alberga un importante xacemento medieval, que inclúe os restos da antiga igrexa de Santo Estevo. Coa adquisición desta terra, poderanse levar a cabo investigacións arqueolóxicas que permitirán coñecer máis en profundidade a nosa historia, enriquecendo así o patrimonio histórico e cultural de Barreiros, da Mariña Lucense e de Galicia.
As entidades tamén queren facer unha mención especial e expresar o seu agradecemento aos medios de comunicación que difundiron a campaña de recadación. O seu apoio foi fundamental para chegar a un público máis amplo e conseguir os fondos necesarios para a adquisición do terreo.