Os concelleiros populares instan ao goberno local “a escoitar a veciñanza” xa que de facelo “saberían que non é preciso gastar 28.000€ para defender cada un a súa postura, xa que o que quere a xente e recuperar o dobre sentido de circulación”
Vilalba, 26 de xuño de 2024. Os concelleiros do PP de Vilalba esixen a PSOE e Vilalba Aberta que deixen a un lado as súas liortas internas e “por unha vez escoiten aos vilalbeses” para chegar a un punto de acordo e así defender o municipio e ao seu comercio.
Os populares fan esta reflexión tras facerse públicas as discrepancias existentes entre os socios do goberno local en canto ao sentido de circulación da Rúa da Pravia. Ambas formacións encargaron senllos informes para defender a súa postura (o PSOE defende o sentido de circulación cara a estrada de Mondoñedo, mentres que Vilalba Aberta aposta porque a circulación sexa cara a Rábade) cun custo de 28.000€, que se engaden ao xa investido: 1,3M€.
“Se de verdade se preocupasen polos vilalbeses e a economía do municipio recuperarían o dobre sentido de circulación que é o que quere a xente”, sinalan os populares, defendendo unha postura que “é vital para a economía do municipio”.
Este novo enfrontamento entre ambas formacións certifica que “en Vilalba temos dous gobernos ben diferenciados”, no que “un di unha cousa e outro, outra, sen preocuparse polos vilalbeses”.
Os concelleiros populares explican que tanto o PSOE como Vilaba Aberta “queren dar a imaxe de que se levan moi ben e que son un goberno unido”, pero a realidade é que “a súa relación está ao límite, como no mandato anterior”.
Dende o PP de Vilalba esixen aos socios de goberno “xestión, coherencia e cabeza” na súas decisións: “os vilalbeses merecen un goberno local que se preocupe polas súas necesidades e os escoite e a realidade é que agora non o teñen”.