Ribadeo, 25 de xuño, 2024. Hai uns quince días, o BNG de Ribadeo manifestou a súa ledicia polo feito de que, segundo dicía o alcalde, a Xunta ía asinar un convenio co Concello de Ribadeo polo que ía achegar 700.000€ para realizar as obras de reforma integral do Hospital Asilo. “Con todo, manifestamos que iamos prestar atención para comprobarmos se efectivamente se ía asinar este convenio. Ben nos gustaría confirmalo. Pero a realidade é moi teimuda: o alcalde de Ribadeo faltou á verdade e volveu enganar a todo o pobo de Ribadeo. E non nos merecemos un alcalde mentireiro”.
“A Xunta debería sufragar o cento por cento da obra, pois trátase dunha competencia súa. O goberno da Xunta xa debería ter colaborado coa construción da Residencia de Persoas Maiores de Ribadeo, pero mirou cara a outro lado, pensando máis nos propios intereses do PP que no pobo de Ribadeo. Unha vez máis, o PP desenténdese de Ribadeo, a alcaldía de máis poboación que goberna o PP na provincia de Lugo. No PP galego pensan máis noutros intereses partidarios, ou dunha parte ou familia do partido. Vese que nela non está nin o PP de Ribadeo, nin o alcalde e ex deputado autonómico. Outros pobos, aos que felicitamos, lograron que se asine ese convenio de colaboración para reformaren ou construíren a súa residencia de maiores. A Daniel Vega, que tanto presume de xestión, resísteselle. Non lle fan caso. Tómano por un monicreque no mundo da política municipal galega”.
“Seguiremos presionando para que a Xunta mude de actitude e acabe asinando o convenio de colaboración co Concello de Ribadeo para a reforma integral do Hospital Asilo. Temos que lamentar que cada semana que pasa sen que se asine dito convenio é un tempo perdido. Se puidésemos reconducir o crédito solicitado polo anterior goberno, poderiamos estar emprendendo outras iniciativas que melloraran as condicións de vida das xentes de Ribadeo. Pero así non se pode. O alcalde de Ribadeo queima a súa credibilidade cada vez que anuncia a sinatura dese convenio. Pero en certa medida, ao non ter resultados, tamén queima as posibilidades de dar outro destino a ese crédito. Falar élle moi doado. Ter éxito nas súas xestións, vese que non é o seu”.