Os meses anteriores ás eleccións europeas do 9-X sinalaron nidiamente unha liña, común a moitos países europeos, pola que as diferentes opcións de dereitas conservadoras, de primeiras respectuosas da democracia liberal e as diferentes dereitas extremas iliberais rachan os valados para constituir alianzas de goberno (Finlandia, Suecia, Países Baixos, País Valencià, Aragón, Castela e León e moitos concellos do Estado), electorais (Italia) ou, cando menos, asumindo, polo menos parcialmente, a axenda antiinmigración, antiigualdade, antisocial e contraria ás minorias sociais e nacionais das dereitas extremas europeas. Velaí a proposta do presidente da dereita republicana francesa, herdeira do gaullismo e do chiraquismo, adherida por unha minoría do partido, de se unir con Masrine Le Pen cara as inminentes eleccións lexislativas francesas.
O que está a pasar conéctase moi sobranceiramente co que pasou na Europa dos 20 e 30 do século pasado. Mussolini foi nomeado primeiro ministro italiano polo rei Vittorio Emanuele III en outubro de 1922 baixo a intimidación da Marcha a Roma de ducias de milleiros de camicie nere fascistas. En marzo de 1924 Mussolini reformou a lei electoral para lle garantir á forza maioritaria os dous terzos do Parlamento. E chamou partillar nunha candidatura unida (il listone) aos principais persoeiros da dereita católica e do centrodereita liberal, que se xuntaron á mesma. Meses despois fora asasinado o deputado opositor socialista Matteotti e ducias de dereitistas liberais e católicos eran detidos ou marchaban cara ao exilio.
O antigo dirixente do Zentrum católico alemán, Franz Von Papen (na altura independente xa desvencellado do seu partido), moveu os fíos co presidente do Reich Von Hindenburg para nomear chanceler a Adolf Hitler en xaneiro de 1933, cun gabinete de clara maioría das dereitas, onde os nazis só tiñan tres postos. Despois do lume que estragou o Reichstag Hitler convocou eleccións que lle deron un 44% de votos sen maioría absoluta. Mais en abril de 1933 obtivo plenos poderes e máis a cesión de toda a potestade lexislativa da Cámara a medio da lei habilitante, prometendo amplas garantías para os deputados dos grupos de dereita e do Zentrum. Poucas semanas despois disolvía estes partidos, ficando o nazi NSDAP como partido único do Reich.
O ponteareán conde de Bugallal era o referente do partido conservador da quenda borbónica antes da ditadura de Primo de Rivera no sur do noso país (circunscricións de Pontevedra e Ourense). Deposta ésta partillou o derradeiro goberno da Monarquía de Alfonso XIII no 1931. Morreu en París no 1932. Tan logo faleceu, as bases bugallistas do partido conservador integraron as bases do extremismo calvosotelista encadrado. primeiro na Renovación Española e despois (1936) no Bloque Nacional.
É certo que partidos de centrodereita europeos como a CDU alemá ou o PSD portugués (e forzas aliadas) teñen pechado ferreñamente calquera alianza contra cadanseus extremistas da AfD e Chega. Mais o propio Partido Popular Europeo de Ursula von der Leyden amosa arestora a sua dispoñibilidade de pactar, mesmo limitadamente, coa primeira ministra italiana Giorgia Meloni no canto de priorizar liberais demócratas, verdes ou socialdemócratas cara a provisión institucional europea para o quinquenio 2024-2029.
Sen dúbida a axenda das dereitas extremas nos eidos da inmigración, da igualdade, da negación do cambio climático ou contra as minorías sociais e nacionais están a penetrar, como o coitelo na manteiga, nos cadros e, peor aínda, nas bases electorais das dereitas liberais-conservadoras europeas.