O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou xunto ao Alcalde, Carlos López, a undécima edición do Concurso de Tapas, que se celebrará do 25 ao 29 de xuño e no que participarán 11 locais hostaleiros
Lugo, 20 de xuño de 2024. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou este xoves no Pazo de San Marcos, xunto ao Alcalde da Fonsagrada e tamén Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, a undécima edición do Concurso de Tapas da Fonsagrada que converterá do 25 ao 29 de xuño a esta localidade na capital gastronómica da provincia co apoio da Deputación. Un apoio da institución provincial que materializa a través da difusión deste evento, no que participan 11 establecementos hostaleiros da localidade.
Durante a presentación, Pablo Rivera, subliñou a importancia deste certame “non só como un evento culinario de relevancia a nivel local, senón que tamén é unha oportunidade para dinamizar a economía e promover o turismo na comarca da Montaña”. Destacou que “a Fonsagrada ten moitos atractivos para ofrecer á xente”, facendo especial fincapé na alta calidade da materia prima e sinalando que “as propostas que ofrecerán os hostaleiros durante estes días serán a mesma proba da calidade dos produtos e da cociña que distingue á Montaña de Lugo”.
Tamén estiveron presentes no acto os concelleiros de Turismo, Ricardo Parada, e o de Deportes, Silbán Rodríguez, quen resaltaron o compromiso da Deputación con esta cita e explicaron os detalles do concurso que “non só promove a gastronomía local, senón tamén fomenta a participación comunitaria e o apoio ao comercio da Fonsagrada”.
Sorteos e premios
O XI Concurso de Tapas da Fonsagrada repartirá grandes premios entre os consumidores que participen e valoren as tapas nos diferentes establecementos hostaleiros. Para participar no sorteo de agasallos, os interesados deberán obter o selo dos 11 bares participantes, excluíndo o da comisión organizadora. O Concello doará dúas cestas de produtos locais, mentres que os hostaleiros entregarán un premio de 250€ para gastar nos comercios locais.
Para votar, será necesario reunir un total de oito selos: sete de diferentes bares participantes e un do bar da comisión de festas.