Na xornada previa realizaranse charlas divulgativas sobre a organización de actividades ao aire libre no Xistral
Muras, 19 de xuño de 2024. Muras acollerá o domingo 7 de xullo a sétima edición do Trail das Bestas, que este ano se estrea como Campionato Galego de Maratón e que ofrecerá tres modalidades de participación -42km, 27km e 12 km– e unha andaina, tamén de 12km.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o alcalde de Muras Manuel Requeixo e a tenente de alcalde Paula Gómez presentaron esta tarde a proba organizada polo Concello oa colaboración da Deputación de Lugo -a través do Plan Deputación – e na que se agarda a participación de 300 deportistas.
A Serra do Xistral e as ribeiras do Eume son o escenario desta carreira de montaña, con percorridos deseñados para poñer en valor ese espazo natural emblemático, especialmente nas probas de distancias menores. Considerada xa unha referencia no calendario galego, reforza o súa dimensión competitiva tanto en maratón como nas probas de 27 km e 12km, que puntuarán para as distancias clásica e minitrail.
Manuel Requeijo destacou que “o Trail das Bestas converterá Muras na capital galega do deporte de montaña” e valorou “a continúa evolución da proba ao longo dos anos, ata converterse nun referente para os mellores deportistas da modalidade e un dos mellores escaparates posibles para o patrimonio natural de Muras, que tratamos de revalorizar con todas as actividades deportivas, culturais ou lúdicas que promovemos desde o concello”. Subliñou tamén “a repercusión que ten na hostelería e na economía local o movemento de persoas arredor do trail”.
Efrén Castro valorou “esta proba que se celebra nun escenario único como é a Serra do Xistral e que xa é toda unha referencia no calendario galego” e celebrou “o éxito destas iniciativas que poñen o foco tamén no territorio e dinamizan os concellos da provincia de Lugo”.
O coordinador da proba Pablo López animou a participar e sinalou que “ o recoñecemento como Campionato Galego de Trail Maratón permitirá que veña máis xente , ademais de que é moi especial que os mellores atletas galegos desta disciplina estean en Muras e os poidamos ver”.
O punto de saída e chegada da proba estará na área recreativa da Veiga, que contará con todos os servizos para as persoas participantes e acompañantes, con espazo dispoñible para aparcamento de turismos e caravanas, duchas e piscina. As inscricións poden realizarse en traildasbestas.com.
Charlas divulgativas
O programa do Trail das Bestas inclúe tamén charlas divulgativas sobre as oportunidades que ofrecer o Xistral para a organizacion de actividades ao aire libre, a cargo de Inma Pumariño, acreditada deportista de montaña, espeleoloxía, barranquismo e kaiak e Pablo López, corredor de aventura, orientación, btt e organizador de probas deportivas. As charlas celebraranse no local social do Concello na xornada previa -o 6 de xullo – de 18.00 a 20.00 horas