Foz, 18 de xuño de 2024. Mañá, mércores día 19 de xuño, comezará a traballar un novo tractorista en horario de tarde, que se sumará aos dous oficiais que están a facer agora as tarefas de desbroce e limpeza de camiños e paseos marítimos no concello de Foz. Desta maneira un dos dous tractores dos que dispón o Concello traballará en dobre quenda, para avanzar a un maior ritmo. “As temperaturas suaves e as choivas dos últimos meses están a favorecer o crecemento da herba, polo que dispoñer de máis medios resulta moi importante”, destaca o alcalde, Fran Cajoto. O vindeiro martes día 25 incorporarase un novo xardineiro despois dos últimos procesos selectivos realizados, que virá a reforzar as tarefas de limpeza e desbroce manual.
O rexedor municipal informa que estes dous traballadores son contratados como fixos discontinuos, de forma que pasarán a formar parte da plantilla e o vindeiro ano 2025 exercerán as súas funcións durante sete meses, de marzo a setembro: “o vindeiro ano 2025 imos dispoñer antes dos reforzos, o que vai a favorecer os traballos; estamos a incrementar servizos clave para ter o pobo limpo e coidado”, explica Fran Cajoto.
Neste sentido o alcalde recorda que, coa modificación de relación de postos de traballo de xuño do pasado ano 2023, os reforzos para a limpeza viaria, recollida de lixo e servizo de salvamento son traballadores fixos que todos os veráns se reincorporan aos seus postos de traballo. “O plan verán xa está feito, entre outras cousas porque debemos cumprir a lei e garantir unha estabilidade aos traballadores. Ultimamente escoitamos de todo. Ano a ano imos reforzando con recursos municipais o persoal para mellorar un pobo que avanza nunha senda de crecemento”, remata Cajoto.