Este enlace favorecería o acceso á autovía dun modo máis áxil para os veciños da zona -A Pastoriza é o único municipio da provincia polo que discorre que non dispón dun acceso directo- e, ao mesmo tempo, serviría como vía de evacuación para favorecer a saída da vía cando as condicións meteorolóxicas son adversas
A Pastoriza, 15 de xuño de 2024. Os senadores do PP lucense continúan a trasladar as reivindicacións da provincia á Cámara Alta. Atendendo a unha demanda dos veciños da Pastoriza preguntarán se o Goberno de España contempla a posibilidade de dotar á autovía A-8 dun acceso dende o termo municipal, ao seu paso pola parroquia de Cadavedo, á altura do Cristo do Fiouco.
José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro, Juan Serrano visitaron a zona acompañados polo alcalde, Darío Cabaneiro, e o tenente de alcalde e presidente do PP local, Marcos García Lombardero.
Desde o PP lembran que esta é unha vella reivindicación da veciñanza e que incluso se chegaron a executar expropiacións para dispoñer dos terreos necesarios para esta nova ligazón pero hoxe, non consta ningún avance no proxecto.
A autovía A-8 é unha das principais arterias de comunicación dos municipios do norte da provincia de Lugo xa que logo unen este territorio coa veciña comunidade de Asturias e co resto de Galicia e de España. De habilitarse esta nova ligazón favorecería un acceso á autovía dun modo máis áxil para a poboación residente na zona e todas aquelas persoas que queiran visitar a localidade. De feito, os populares inciden en que “A Pastoriza é o único municipio da provincia polo que discorre esta autovía que non dispón dun acceso directo”.
Esta proposta súmase á reivindicación para reforzar os traballos de conservación e mantemento do seu firme, ademais da urxencia para procurar unha solución coa que garantir a seguridade nos momentos nos que a néboa reduce a visibilidade.
Cabaneiro indica, precisamente, que “a creación dun acceso neste punto serviría como vía de evacuación porque favorecería a saída de vehículos dende a autovía cando as condicións meteorolóxicas dificulten a circulación en condicións de seguridade”. Ademais, na zona existe xa un paso inferior e terreos a disposición para conectar cunha vía que comunica con varias parroquias da Pastoriza e tamén de Cospeito e Castro de Rei.