O Secretario Xeral dos Socialistas critica que agora o PP envíe cartas pedindo medidas que o “propio Goberno de Mariano Rajoy e Ana Pastor paralizou, como fixo cos investimentos do AVE”
Lugo, 13 de xuño de 2024. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asegurou este xoves que ao PP “debería darlle vergonza falar das infraestruturas en Lugo” porque, “se alguén non fixo absolutamente nada e mesmo atrasou os proxectos, eses foron Mariano Rajoy, Ana Pastor, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda”. “A visita do Ministro de Transportes responde ao firme compromiso que o Goberno de España ten con esta provincia, que investiu máis de 1.000M€ nos últimos anos no noso territorio. Nós somos de políticas de feitos”, afirma.
“Os único responsables de que aínda non chegara a Alta Velocidade a Lugo son algúns dos que agora mandan cartas. Demasiada literatura e moi pouco traballo. Cando o PP gobernaba en Madrid non mandaban misivas a pesar de saber que era a propia Ana Pastor quen metía no caixón o proxecto da intermodal”, lembrou. “Que non se esquezan agora o señor Ameijide e a señora Candia destes datos relevantes nesta historia. Daquela non se acordaron de pedir para a nosa provincia e aparecen agora cunha evidente fuxida cara adiante”, apuntou Tomé Roca.
“O PP pode agora escribir as cartas que queira, pero os veciños e veciñas desta provincia temos memoria. Todos eses deberes son do PP, que cando gobernaba deixou a provincia de Lugo olvidada en infraestruturas. Non fixeron nada”, subliñou José Tomé.
O socialista lembrou que o Goberno central do PP, presidido por Mariano Rajoy e con Ana Pastor como Ministra de Fomento, “paralizou todos os investimentos do AVE e rompeu o contrato da estación intermodal de Lugo, polo que houbo que indemnizar á empresa”. Así o certificou o Tribunal de Cuentas do Estado, “nomeado baixo a presidencia de Rajoy, polo tanto, nada sospeitoso de ser crítico co PP”.
Ademais, recalcou, Feijóo “tivo a desfachatez de prometer hai 15 anos, na campaña electoral das autonómicas de 2009, non só unha conexión de Lugo por alta velocidade, senón facer o AVE a Lugo. Coma sempre, non cumpriu con Lugo”.
Neste sentido, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia incidiu en que “fixemos máis os socialistas con Pedro Sánchez polo tren da nosa provincia ca nunca antes, cun investimento histórico en marcha de 546M€ para a mellora e electrificación da vía Lugo-Monforte-Ourense e de máis de 22M€ para a intermodal lucense”.
“Co PSOE, o AVE chegou a Galicia e Alta Velocidade chegará a Lugo. Co PP nunca chegou. Será un Presidente e un Ministro socialista os que cumpran con Lugo”, subliñou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia.