O CONCELLO PROMOVE UNHA ÁREA INDUSTRIAL NA ZONA DE O CASTELO
* O alcalde de Cervo confirmou o interese dunha empresa privada en desenvolver 150.000 metros cadrados de terreo industrial nunha zona da parroquia de Lieiro próxima á saída da futura autovía da Costa
Cervo, 15 outubro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe que o Concello ten interese en desenvolver terreo industrial conxuntamente cunha empresa privada nunha área duns 150.000 metros cadrados na zona de O Castelo, na parroquia de Lieiro. “Un lugar ben situado estratexicamente ao atoparse na saída da futura autovía da Costa” salientou o rexedor.
O alcalde sinalou que o Concello leva máis dun ano mantendo conversas cunha sociedade mercantil de carácter privado interesada en levar adiante este proxecto. Neste senso engadiu que, despois de diversas reunións ao longo destes últimos meses, Concello e promotores atoparon finalmente o camiño para desenvolver esta iniciativa de alto interese para o municipio. A formula elixida sería mediante a elaboración dun proxecto de sectorización onde o Concello tería que levar adiante as expropiacións oportunas da devandita zona.
REUNIÓN COS VECIÑOS DE LIEIRO
Na superficie de 150.000 metros cadrados afectada no proxecto existe unha zona duns 35.000 metros cadrados cuxa propiedade é da Comunidade de Montes de Lieiro. Por iso, o alcalde e varios concelleiros do grupo de Goberno mantiveron onte pola noite unha xuntanza cos comuneiros de Lieiro para darlles a coñecer os pormenores da xestión levada a cabo dende o Concello ata o momento. “Na reunión deixámoslles claro aos asistentes que as expropiacións levaríanse adiante so no caso de que houbera o apoio maioritario dos membros da Comunidade de Montes” recalcou Villares. Neste encontro o rexedor salientou entre os presentes a importancia de “facer todo o posible” para atraer empresas e riqueza para o municipio “e desde logo, desenvolver nesa zona un proxecto para crear unha área industrial adicada fundamentalmente a empresas de servizos sería moito máis proveitoso para todos nós que non telo a monte e con eucaliptos como hai na actualidade”.