Ribadeo, 12 de xuño de 2024. O Concello ribadense e a Asociación Española contra o Cancro de Lugo poñen en marcha as Rutas Saudables os martes e xoves a partires das 9:45 horas. O punto de saída será a Praza de Abastos. Para participar é preciso inscribirse en lugo@contraelcancer.es ou no teléfono 639 26 23 12.
“Esta actividade está destinada a toda a poboación”, segundo explican desde o Concello, que fai unha chamada á participación: “animamos ás nosas veciñas e veciños a realizar estas Rutas Saudables, que consistirán nunha andaina curta de aproximadamente unha hora de duración. Trátase de facer un pouco de exercicio físico co obxectivo de previr enfermidades cardiovasculares, respiratorias ou mesmo o cancro”.
E indican que “a vida sedentaria non é boa para ninguén”.
Desde a Asociación Española contra o Cancro de Lugo queren concienciar e fomentar hábitos de vida saudables, “xa que a actividade física axuda a mellorar a nosa calidade de vida, reducindo o risco de padecer cancro e outras enfermidades non transmisibles”.
No acto de presentación das Rutas Saudables participaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e a presidenta da AECC en Lugo, María Luz Abella.