Nota de Prensa
O ALCALDE ORDENOU A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DE REMODELACIÓN DO IES GAMALLO FIERROS DE RIBADEO AO CARECER DE LICENCIA.
Ribadeo, 15 de outubro de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, ordenou a paralización das obras de remodelación do IES Gamallo Fierros porque carecen de licencia.
O rexedor tildou de importantes as obras de remodelación do IES Gamallo Fierros, “eu como alcalde estou particularmente orgulloso de que se fagan, pero hai un problema e onte ordenei a paralización das mesmas por unha cuestión moi simple que todo o mundo ten que entender. Os traballos non teñen licencia de obra por parte do Concello de Ribadeo e desde logo non é imputable ao Concello ese feito senón que a empresa ou a propia Xunta non aboaron a cantidade de liquidación en concepto de licencia de obra que ascende a 67.000 euros”.
Suárez Barcia lembra que “a administración autonómica como calquera outra persoa física ou xurídica que teña que pagar a licencia de obra está nas mesmas condicións que calquera particular. Si a calquera particular lle paramos as obras porque non ten licencia a unha administración por moi obra que vaia facer ten que pagar tamén a licencia de obra. Eu non quero ser un impedimento para que as obras se fagan e unha vez que se deposite o diñeiro o Concello dará no menor tempo posible a licencia para que os traballos se poidan reanudar e seguir adiante”.
O alcalde considera “un enorme erro o que está a cometer a Consellería de Educación xa que si se produce algún accidente non hai licencia de obra que ampare os traballos que se están a facer. Aínda que creo que é unha moi boa cousa para Ribadeo hai un principio que hai que cumprir e é que todos somos iguais ante as normas e desde logo é o que é aplicable neste caso”. Fernando Suárez aludiu a que “a Consellería de Educación tivo que pagar a licencia de obra da ampliación da gardería hai tres anos, os adxudicatarios das obras do cuartel da Garda Civil tiveron que pagar a súa pertinente licencia de obra e este é un caso similar que non ten ningún eximente e polo tanto debe cumprir como calquera outro cidadán”.