Xove, 10 de xuño de 2024. Dende o BNG de Xove observan din “con incredulidade como nas últimas semanas se anunciaba unha inauguración xa non en campaña, senon para o mesmo día das propias eleccións europeas. Dende o grupo municipal nacionalista deuse unha marxe de confianza dando por feito que se trataría dun erro e que se pospoñería a inauguración deixando para o día 9 a celebración da competición ou incluso adiando o conxunto”.
“O parque, cuxa posta en funcionamento anunciouse para comezos do ano 2023, e que contou cun orzamento que rozou o millón de euros, tivo o firme apoio deste grupo no Pleno municipal dende o primeiro momento. Non obstante, este tipo de prácticas parécennos pouco éticas e de pouco espíritu democrático para un partido político que conta cunha maioría absoluta no concello. Porén decidimos facer esta denuncia pública ante a veciñanza e non levala máis alá, para non enturbiar a política municipal nun momento complexo”.
“Non nos parece ético, necesario nin democrático realizar este tipo de actos en campaña, por non falar xa da suposta ilegalidade na que se incurriría” comenta Pilar Vázquez Sánchez, voceira do grupo municipal. “As eleccións europeas son unhas eleccións igual de importantes como o son as municipais e a lexislación está para ser cumplida por todos os partidos políticos”. “O grupo popular é coñecedor desta normativa e cremos que está actuando sopesadamente optando por pagar unha sanción económica antes que adiar a inauguración e, como consecuencia, non poder colgarse a medalla do proxecto que, por certo, achegou como tantas outras cousas que se fan neste concello, un colectivo deportivo”.