Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, inspeccionaron a zona tras recibir unha denuncia da existencia desa incidencia
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2024. A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais domésticas que infiltraba ao terreo na bacía da ría de Viveiro, na parroquia de Covas (Viveiro). A incidencia tiña orixe en dúas vivendas unifamiliares que vertían sen depuración previa.
O persoal do Programa de Control de Vertidos iniciou as actuacións co rexistro do punto de vertido no transcurso dunha inspección efectuada tras recibir unha denuncia de posibles deficiencias na zona. Durante o seu labor de control constataron que existía ese vertido ao terreo, na contorna do rego Escourido.
Os técnicos do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático iniciaron o correspondente expediente administrativo froito das irregularidades detectadas. En resposta, os titulares das vivendas responsables do vertido informaron de actuacións para conectar as augas residuais cara un sistema de depuración autónomo, eliminando así o punto de vertido.
Posteriormente o persoal do Programa de Control de Vertidos realizou unha nova inspección na zona e constatou a eliminación desa incidencia pois procedeuse a conducir as augas residuais xeradas polas dúas vivendas de orixe cara unha fosa séptica.