Burela, 6 de xuño de 2024. O Concello de Burela leva ao pleno ordinario da tarde de hoxe, xoves 6 de xuño, a actualización do seu inventario de bens co obxectivo de “velar polo patrimonio municipal”.
Tamén se tratarán no pleno a prórroga do contrato do servizo de recollida de lixo con Urbaser e a actualización da ordenanza de administración electrónica.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca a importancia de “revisar e actualizar o inventario, polo que realizamos 5 modificacións entre as que destaca a inclusión no catálogo de bens do tramo do paseo marítimo fronte á praia urbana de Portelo”.
Sobre a prórroga do contrato da recollida de lixo con Urbaser, a rexedora explica que “dende o Goberno local estamos traballando nos pregos do novo contrato, pero optamos por esta prórroga dun ano máis contemplada no prego inicial de cara a sacar a licitación neste período”.
No referente á ordenanza da administración electrónica, López apunta que “a ordenanza previamente existente esta obsoleta e non se adecúa á realidade actual, polo que o noso deber é actualizala para que estea acorde co que xa se está a facer no Concello de Burela”.
“Isto non significa que agora todas as xestións se teñan que facer electronicamente, pero é necesario ir revisando e actualizando todas as ordenanzas, como estamos facendo en diferentes ámbitos”, engade.