Ribadeo, 4 de xuño de 2024. O Concello solicita melloras no acceso de entrada á praia das Catedrais e tamén a ordenación da zona destinada a aparcadoiro. Así llo expuxo o alcalde, Dani Vega, á directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, que esta mañá visitou o emblemático areal ribadense.
O rexedor explicou que o motivo desta visita foi “para detectar onde hai que facer certas melloras, unha inversión necesaria para conservar o espazo das Catedrais, tanto o acceso da entrada como o aparcadoiro actual. E nosoutros, o que lle dixemos á directora, é que poden facer eles directamente a obra, investir e así conservar. Está moi ben facer obras, pero creemos que está moi to mellor conservalas.
Vega considera que “como estamos facendo con outros espazos turísticos, outros espazos naturais, como pode ser o Cargadeiro, tamén Castros, Illas ou Esteiro, a Xunta creo que ten a obriga de investir na praia das Catedrais, no segundo monumento máis visitado de Galicia, para conservar este espazo natural”.
O alcalde subliñou que “o acceso de entrada necesita actuacións, necesita inversións, tamén os baños… En definitiva todo ese entorno, tamén o aparcadoiro, é bo limitalo para que non se aparque deliberadamente, que non aparquen as caravanas, senón que sexa uso exclusivo a aparcadoiros, que teñan unha parada adecuada aos autobuses, ordenar, investir, que é a obriga da Xunta de Galicia aquí en Ribadeo”.
Dani Vega aposta polo traballo conxunto de todas as administracións: “seguimos traballando, sendo esixentes coas administracións para que invistan en Ribadeo e ter esa capacidade de falar con todas. Iso é o importante ter unha liña aberta de traballo con todas as administracións. E no caso de hoxe, tanto coa Deputación como coa a Xunta, en definitiva, reclamar inversión para Ribadeo”.