As reviravoltas da promoción, desenvolvemento e aproveitamento turístico dan moito de si para comentar, estudar e (coido) mellorar, segundo os criterios que se elixan e os fins que se pretendan.
Agora mesmo, estes días, remato de ver varias novas que indican cousas como que España anda na procura de viaxeiros de clase alta para ‘evitar a saturación’ (= ter máis ingresos con menos viaxeiros), nova de eldiario.es. Ou como que Ámsterdam leva un ano tentando que os ‘viaxeiros ligados á festa’, o ‘turismo máis barato’, non vaia á cidade, noticia de La Vanguardia, cun lema que, nese caso, é claro: ‘Non veñas!’. Cousas ambas que se poden traducir como unha ‘táctica Alcoa’ no turismo (por poñerlle algún nome): ‘deixa sitio, que non produces tantos beneficios’. Ou outras novas que pouco van salientando as voces que cuestionan o turismo no seu conxunto, as aglomeracións que se producen en determinados momentos, a xentrificación mesmo moitas veces imperceptible pero non por iso menos efectiva, as vivendas de uso turístico co encarecemento do alugueiro e falta de espazos para alugar, o impacto medioambiental despreocupado mentres algúns teñan ganancias…
Novas que informan de algo que quen o sufre ten moi sabido: o querer meter máis e máis turismo, sacar máis e máis beneficios, leva á falta de poder de xestión racional do medio ambiente, falta de equidade económica da zona, desprazamento da xente que sufre o fenómeno, etc.
É un fenómeno, que se chama moitas veces ‘turistificación’, que se vai producindo nun e outro lugar, como se de contaxio dunha enfermidade contaxiosa se tratara. Hai zonas da xeografía galega que van máis adiantadas no proceso e teñen recibido máis impacto, e outras que van máis atrasadas ou que, sinxelamente non o sofren por quedar fóra dos circuítos turísticos.
Aí entra a segunda palabra do título: a marxinalidade, que pode ser entendida en múltiples xeitos. Marxinalidade dunhas zonas que quedan fóra do desenvolvemento posible ou do desenvolvemento social. Marxinalidade de xente que queda á marxe das consideracións de servizos ou posibilidades que se fan mirando só ó turismo. Marxinalidade mesmo de consideracións que quedan á marxe, non sendo atendidas en favor doutras que son sobreatendidas ou miradas como únicas a atender. Marxinalidade tamén de beneficios, na procura dese ‘beneficio marxinal’ unha vez externalizados, pasados a outros, todos os prexuízos. Marxinalidade que remata por sobresaír a pesar de que sería case invisible, como tal estar á marxe dun proceso hexemónico que non mira máis que cara adiante. Marxinalidade do propio territorio, visto como lateral a aquel de onde veñen os turistas. E con iso, marxinalidade da poboación local. Na versión ‘ven’, máis punzantes algunhas delas. Na versión ‘non veñas’, outras… Nun e outro caso, en xeral, marxinalidades como tal descoidadas, fóra do foco, que parecen non existir sobre o papel aínda que sexan a realidade. E, polo tanto, ó non ter conta delas hoxe, con tendencia a seguir descoñecidas e medrando.