A Mariña, 28 de maio de 2024. As actividades de Xeoturismo desenvolvidas en maio pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, enmarcadas no Plan de Sostibilidade Turística, tiveron unha boa acollida.
O programa de Xeoturismo programou tres novas actividades durante o presente mes de maio. O venres 17 tivo lugar novamente a Xeoruta das Minas, A Pontenova, da man do xeólogo Francisco Canosa Martínez. Este percorrido xeolóxico polos arredores da Pontenova permitiu aos participantes coñecer detalles sobre a orixe do ferro explotado de xeito moi intenso na primeira metade do século XX. E tamén puideron ollar a pegada que deixou nas rochas un dos maiores choques entre continentes da historia da terra, así como entender o porqué da paisaxe actual desta parte da Mariña Lucense.
O sábado 18, acompañados polo xeólogo Iván Rodríguez Lombardero, desenvolveuse a segunda Xeoruta da Praia das Catedrais-Augas Santas, en Ribadeo. A pesares da mala previsión meteorolóxica 16 persoas animáronse a revisitar a historia do máis popular recuncho da comarca. Houbo premio, xa que finalmente foi unha tarde de tempo solleiro na que lles falaron da orixe e características das rochas e as formas, pasearon por covas, ollos e arcos e gozaron coma nenos con moita emoción e algunha molladura pola pouca area nestes meses tras o inverno e unha marea morta que non permitiu achegarse ós famosos arcos. Cumpríronse, iso si, sobradamente os obxectivos didácticos visitando outros recunchos menos coñecidos do areal.
E o sábado 25, acompañados de novo por Iván Rodríguez, o grupo que se achegou nesta segunda visita ó alto de Cerrochán, en Trabada, puido gozar das impresionantes vistas desde o cumio e coñecer a orixe e características das formacións xeolóxicas nas que foi esculpido. Aproveitando a presenza dos visitantes nun territorio tamén obxecto de aproveitamento industrial, tratouse a problemática dos eólicos e das turbeiras, así como das louseiras abandonadas. Unha mañá ben aproveitada nun espazo pouco coñecido da nosa comarca, que ben mereceu a visita.
Foron 40 as persoas que participaron nestas actividades procedentes da Mariña, así como de diversos municipios das provincias de Lugo e A Coruña e do Occidente de Asturias.
A xerente do Plan de Sostibilidade Turística da Mancomunidade, Tania Hermina, dixo que “estas experiencias brindaron aos participantes a oportunidade de descubrir a riqueza xeolóxica e natural da zona, profundando o seu coñecemento sobre os procesos e formacións que dan forma á paisaxe da Mariña Lucense. Estas actividades destacan a importancia de conservar e protexer este valioso patrimonio natural para as futuras xeracións, e motivan aos visitantes a seguir explorando e aprendendo sobre os tesouros xeolóxicos que a rexión ten para ofrecer”.
Xeo finde na Mariña
A seguinte proposta de actividades, ao abeiro do Programa de Xeoturismo no contexto do Plan de Sostibilidade Turística da Mancomunidade, terá lugar esta vindeira fin de semana. Trátase de Xeo finde na Mariña, que contará cunha serie de actividades únicas onde os participantes explorarán a xeoloxía dunha maneira innovadora e emocionante.
O 1 de xuño terá lugar unha Xeoruta por San Cibrao. Iván Rodríguez levará aos asistentes a gozar dunha exploración da orixe do granito, un material que foi utilizado durante séculos na construción de vivendas e monumentos. Durante esta ruta de tres horas, os participantes visitarán canteiras históricas e aprenderán sobre a singular morfoloxía costeira da rexión. A actividade dará comezo ás 10:00 da mañá, no punto de encontro na Área de Autocaravanas. O aforo está limitado a 20 persoas. Para esta actividade quedan 8 prazas libres.
Tamén o 1 de xuño pola tarde en colaboración co xeólogo Fran Canosa, levarase a cabo un emocionante taller de minerais para o público máis mozo. Durante este obradoiro interactivo dunha hora e media, os nenos e nenas terán a oportunidade de explorar unha ampla colección de minerais e aprender sobre as súas propiedades físicas. Desde a cor e o brillo ata a fluorescencia na escuridade baixo luz ultravioleta, os nenos/as poderán mergullarse nunha viaxe educativa e visualmente cativadora.
A actividade terá lugar de 18:00 a 19:30 horas, cun aforo limitado a 20 nenos/as no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao (Cervo). Quedan 10 prazas libres para esta proposta.
E xa o 2 de xuño desenvolverase a Xeoruta do Sor. A Mancomunidade e o xeólogo Fran Canosa propoñen unha apaixonante saída xeolóxica polo val do río Sor. Durante esta actividade de tres horas os participantes descubrirán o fascinante pasado volcánico da rexión, así como a orixe do coltán, un mineral crucial no mundo tecnolóxico.
A ruta terá lugar o domingo 2 de xuño, de 10:30 a 13:30 horas. O punto de encontro será Ponte Segade. O aforo, de 20 persoas, xa está completo.
As persoas interesadas en obter máis información ou para inscribirse nas actividades nas que hai prazas libres poden facelo a través do apartado de Xeoturismo da web: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo
O programa de Xeoturismo enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.