Nota de Prensa
A Deputación pecha este venres a inscrición para o programa de inserción laboral do Pacto polo Emprego
– Ata entón, os interesados poden formalizar a súa solicitude chamando ó telefono 982-26-53-34, ou enviando un correo electrónico a pactoemprego@deputacionlugo.org
– Máis de 1.600 persoas xa se anotaron nos 46 cursos remunerados que darán emprego a 540 lucenses que actualmente están no paro
A Deputación pecha este venres, 15 de outubro, o prazo de inscrición para o programa que insertará laboralmente a 540 desempregados da provincia nas profesións con futuro. Trátase dunha iniciativa que se enmarca dentro do Pacto Provincial polo Emprego, o programa do organismo provincial co-financiado polo Fondo Social Europeo nun 80%.
Ata entón, os desempregados de todos os Concellos lucenses, -agás os de Lugo xa que este municipio conta cun propio Plan e supera os 50.000 habitantes-, poden formalizar a súa solicitude chamando ó teléfono do INLUDES 982-26-53-34, ou enviando un correo electrónico ó enderezo pactoemprego@deputacionlugo.org. Polo de agora, máis de 1.600 persoas se inscribiron nos 45 cursos que contan con máis de 15.000 horas de formación, 60.000 horas de prácticas remuneradas en empresas, ademais dunha axuda económica mensual de 400 euros. O éxito deste programa de inserción laboral é tal, que a Deputación xa tivo que ampliar ata en dúas ocasión o prazo de solicitude para que todos os cidadáns puidesen anotarse.
Cando remate a inscrición, comezará a selección dos beneficiarios e a formación correspondente para cada un. A Deputación consensuará cos Concellos os lugares máis axeitados para impartir a formación, así como as empresas para as prácticas profesionais procurando que estén o máis próximas ós seus domicilios.
Para coordinar todo o territorio, os Concellos disporán de 3 oficinas técnicas: no norte (Foz), sur (Chantada) e centro (INLUDES). Contarán con persoal que se desprazarán onde faga falta e asesorarán tamén ós alumnos que, no futuro, opten por montar a súa propia empresa, ben como autónomos ou como PEMES.