Instará o Goberno do Estado a revisar o proxecto e rexeitar a súa inclusión para a percepción de fondos do PERTE de descarbonización
Madrid, 26 de maio de 2024. Despois da manifestación multitudinaria en Palas de Rei en contra da instalación da fábrica de Altri, a senadora do BNG defenderá no pleno do Senado desta semana unha moción para que a cámara alta inste o Goberno a rexeitar a inclusión do proxecto no PERTE de descarbonización. Carme da Silva chama o resto de forzas políticas con representación no Senado a apoiar o clamor social en contra da macroplanta de celulosa líquida e demandará ao Goberno priorizar a preservación do medio natural, o mantemento da actividade agrogandeira e marisqueira, optando por proxectos que favorezan o desenvolvemento sustentábel do País.
Este domingo, 26 de maio, producíase unha manifestación multitudinaria no concello de Palas de Rei en contra da macrocelulosa que Altri pretende instalar axudada de cartos públicos. A empresa lusa solicita o apoio do Goberno do Estado a través da percepción de 250 millóns de euros a cargo de axudas públicas e, no concreto, dos fondos do PERTE de descarbonización. A empresa quedou fóra das anteriores convocatorias mais continúa esperando a recibir fondos nesta cuarta convocatoria prevista para xuño.
“Os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia sinalan que os proxectos para financiar deben contribuír a asentar economías máis sustentábeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxica e dixital” sinala a senadora do BNG. Polo tanto, continúa da Silva, o Goberno “non pode nin debe destinar cartos públicos para financiar proxectos como este que afectan negativamente ao ambiente, á protección da biodiversidade e a un uso irresponsábel dos recursos hídricos”.
Neste sentido, o BNG considera que é preciso que o Goberno priorice a preservación do medio natural, a adecuada xestión dos recursos hídricos e o mantemento da actividade agrogandeira e marisqueira da Galiza no momento en que se avalíe a concesión de fondos europeos, optando por proxectos que favorezan o desenvolvemento sustentábel do noso País no lugar de financiar a instalación dunha pasteira que, certamente, causará un tremendo impacto ambiental e que está a xerar o rexeitamento do conxunto da sociedade galega.
“O Goberno debe revisar con rigor o proxecto da empresa Altri e ten que rexeitar a súa inclusión entre as propostas con financiamento a cargo das axudas do PERTE de descabonización, así como o acceso a calquera outra axuda directa ou crédito, polo seu enorme impacto ambiental, a súa afectación á actividade agrogandeira, aos recursos hídricos, ao ecosistema do río Ulla, á riqueza marisqueira e pesqueira da Ría de Arousa e a espazos da Rede Natura” reclamará a senadora nacionalista.
Un “clamor social na Galiza” o rexeitamento á instalación de Altri
O que onte aconteceu en Palas de Rei “foi a dignidade dun pobo loitando polo seu futuro” frente aos intereses das multinacionais, apoiadas polo Partido Popular. Un pobo unido, continúa Carme da Silva, para frear unha bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón de Galiza, levándose por diante o medio de vida de milleiros de persoas tanto na terra como no mar.
Despois desta grande mobilización, a senadora brinda unha nova oportunidade ao resto de forzas políticas a posicionarse sobre o proxecto. “As forzas políticas téñense que aclarar se están a favor de implantar o proxecto ou en contra, non vale a distancia. Xogámonos o futuro social, ambiental e económico do País” afirma Carme da Silva.
“Incluso o Partido Popular está a tempo de cambiar de posición e, por primeira vez, antepor os intereses dos galegos e galegas por riba dos intereses de empresas alleas que só teñen como fin espoliar os nosos recursos e deixar a contaminación no noso País” subliña da Silva. Unha política, a do PP, que até o de agora actuou como firme defensor do proxecto, a pesar dos cambios substancias que se produciron desde a aprobación dunha iniciativa no Parlamento Galego. “O Partido Popular non pode seguir sendo cómplice deste novo desastre na Galiza, debe escoitar a sociedade que rexeita unanimemente a implantación desta macrocelulosa” sentenza a senadora do BNG.