Ribadeo, 23 de maio, 2024. Os días 24 e 25 celebrase en Ribadeo, no Centro de Formación Pedro Murias, a novena Reunión de Primavera da SGPF que tratará sobre o Pasado, Presente e Futuro do Asesoramento, facendo unha homenaxe a Extensión Agraria.
Isabel Gómez, a súa presidenta, destaca que “desde a Sociedade pensamos que o asesoramento ao sector agrogandeiro ten unha especial relevancia tanto desde as Administracións, como servizo público, como desde o ámbito privado” .
Desde a SGPF sinalan que “o asesoramento e información nos momentos actuais, que son de tanta complexidade na viabilidade e sostibilidade nas granxas, cos cambios normativos que estamos a vivir, xunto coa inxente burocratificación dos trámites administrativos, fai que os temas que se van abordar sexan vitais na toma de decisións dos nosos gandeiros e agricultores”.
Estas xornadas comezarán o día 24 de maio, coa presenza de autoridades, entre elas o Deputado Provincial da Área de Medio Rural, que financia esta actividade, a Xefa Territorial de Lugo de Medio Rural e o alcalde de Ribadeo. Ao longo deste día participarán especialistas de entidades privadas e tamén da Consellería de Medio Rural rematando cunha un visita a cooperativa CLUN
A segunda xornada será unha homenaxe ao Servizo de Extensión Agraria que estivo ata o ano 2022 en funcionamento, contando coa presenza de profesionais de toda Galicia que desenvolveron a súa etapa profesional nas Oficinas de Extensión Agraria. Acompañarase esta xornada coa proxección dun vídeo retrospectivo do traballo de Extensión Agraria presentado por Anxo Vázquez, ex-tensionista e tamén ex-director do programa Labranza da TVG.
Segundo Gómez “os profesionais extesionistas foron unha peza fundamental no desenvolvemento do sector agrario sendo os protagonistas de moitos dos avances técnicos novidosos que foron introducidos no ámbito produtivo naqueles tempos, e que hoxe seguen vixentes, como o ensilado, o muxido mecánico, as estabulacións libres, as concentracións parcelarias, e tamén no ámbito social como o traballo desenvolto polas axentes de economía doméstica”.
Dende a SGPF sinálse que “tiñamos a obriga de facer un recoñecemento público aos técnicos e técnicas de Extensión Agraria que tanto nos ensinaron e aportaron ó mundo rural, e que tan necesarios son hoxe en día. Tamén co desexo de que estes perfís profesionais poidan ser “recuperados” e postos en valor pola Consellería de Medio Rural”.