A inauguración, amenizada polo grupo A Rebolaxe, está prevista para as 12:00 horas, e haberá exhibicións, sorteos e moitas sorpresas
Cervo, 23 de maio de 2024. O Concello de Cervo retomará este próximo sábado, 25 de maio, o XVII Encontro de Palilleiras, que non se celebraba desde a pandemia, e que se traslada por primeira vez ao centro de San Cibrao, á carpa instalada na Praza dos Campos.
A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, por membros da asociación Mulleres de San Ciprián, de A Rebolaxe, e da asociación Saúde Mental A Mariña, que colaboran na celebración do evento, xunto con Marmeladas A Morena e a hostalería de San Cibrao.
Tal e como explicaron, vaise celebrar tamén de xeito complementario unha feira de artesanía e alimentación que contará cunha trintena de postos de venta de todo tipo de artigos.
A inauguración do Encontro que contará con artesás da comarca e de diferentes puntos de Galicia e Asturias, terá lugar ás 12:00 horas e estará amenizada polo grupo folclórico local A Rebolaxe.
Ao longo da xornada haberá demostración de Cestería Tradicional a cargo de Beatriz Valin, e diversos sorteos, e máis sorpresas.
O Concello de Cervo está a ultimar xa todos os detalles para acoller este encontro “tan agardado” e convida a veciños e a visitantes a achegarse ata a Praza dos Campos unha oportunidade para ver en vivo e en directo as habilidades das palilleiras, “un oficio que é auténtico arte coas mans”, precisou a alcaldesa.