José María Fernández critica que Rubén García siga “o manual de oportunismo político” da súa antecesora no cargo e que unicamente se preocupe de esixir medios á Xunta de Galicia cando, neste caso, ten que pedirllos ao Consorcio
Trabada, 22 de maio de 2024. Tralas chuvias da última fin de semana, que provocaron danos de diversa consideración en Trabada, o voceiro municipal popular, José María Fernández, vén de poñerse a disposición dos afectados “algo que tamén debería de facer o propio alcalde”, que optou por publicar unha carta nas redes sociais pedindo unicamente a implicación da Xunta de Galicia.
Neste senso, José María Fernández quere deixar claro que Rubén García ten que saber, en primeiro lugar, a que administración ten que pedir colaboración xa que, neste caso, é o Consorcio (dependente do Goberno central) á administración con competencias e, polo tanto, a quen hai que pedir as axudas.
En segundo lugar, o voceiro popular aconsella ao alcalde que, en lugar de publicar cartas e comunicados nas redes sociais debería de poñer o seu traballo e os medios do Concello de Trabada ao servizo dos afectados e, no caso de non dispoñer dos medios suficientes pedir a colaboración do parque móbil da Deputación de Lugo, unha administración gobernada polo seu partido político. “Queda claro que cando se trata de pedir a implicación das administracións que realmente teñen competencias e poden axudar non o fai cando son da súa mesma cor política”, lamentou.
José María Fernández aconsella ao alcalde de Trabada que esixa á Deputación de Lugo un correcto mantemento das estradas provinciais ao seu paso polo municipio, así como o desbroce e a limpeza das cunetas “algo que non se fai dende hai anos”. No caso de realizarse con periodicidade, a auga correría polas cunetas en lugar de polo firme da estrada, minimizando moito os danos e as perdas.