Elena Candia subliña a “falta de liderado político” do secretario xeral do PSOE lucense e presidente da Deputación ante “este trato discriminatorio por parte de Pedro Sánchez á nosa provincia, a única de Galicia sen alta velocidade”
Lugo, 17 de maio de 2024. O PP da provincia censura que “Tomé celebre que Lugo quede sen alta velocidade. É impensable que un representante político da provincia aplauda este trato discriminatorio aos lucenses”, segundo subliña a presidenta provincial, Elena Candia, despois de que o presidente da Deputación se desprazara a Ourense para recibir ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible que “certifica” que Lugo sexa a única provincia galega sen alta velocidade.
“O Goberno de Pedro Sánchez renuncia ás variantes de Rubián e Os Peares-Canabal co consentimento de Tomé e o PSOE lucense, que avalan as políticas de discriminación á provincia por parte de Sánchez. Isto evidencia, por unha parte, a falta de liderado político de Tomé na provincia e, por outra, a falta de peso político do PSOE lucense en Madrid”, engade.
A popular explica “as variantes previstas e comprometidas no plan de modernización e mellora da liña ferroviaria Ourense-Lugo polo Goberno do Partido Popular son imprescindibles para que chegue a Lugo a alta velocidade” porque o actual trazado non permite que ningún tren poida alcanzar a alta velocidade na provincia. “O PSOE renuncia -co consentimento do BNG- á construción das variantes que permitirían rebaixar ata 23 minutos o tempo da viaxe entre Lugo e Ourense” de forma que “os lucenses poderíamos conectar co AVE en Ourense e viaxar a Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto”.
Elena Candia coincide coa valoración do Grupo Provincial Popular. O voceiro, Antonio Ameijide, cualificaba de “insulto aos lucenses” que “Tomé aplauda en Ourense que a alta velocidade non vaia chegar a Lugo -que será a única provincia galega sen alta velocidade ferroviaria- por decisión de Pedro Sánchez. É vergoñento”, subliñaba.
Os populares condenan que “os pactos de PSOE e BNG deixen fóra do transporte ferroviario a Lugo, o que provoca o illamento da provincia e a perda de competitividade para as nosas empresas e de oportunidades para os nosos veciños e veciñas. Nin Tomé, nin PSOE, nin BNG se preocupan polos lucenses”, conclúen.