Ribadeo, 16 de maio, 2024. Neste pleno do martes 14 de maio, o BNG de Ribadeo propuxo reclamarlle á Xunta de Galicia que confirme o investimento de 700.000€ na reforma integral do Hospital Asilo, financiar a construción dun campo de herba artificial con 800.000€ e ampliar o Fondo de Cooperación Local (sen incremento ningún desde 2009, cando Feijoo asumiu o goberno da Xunta). Pero o PP de Ribadeo opúxose.
“O BNG de Ribadeo fixo esta proposta, como transacción, para modificar unha moción de urxencia do PP local para pedir unha entrevista con José Tomé (presidente da Deputación de Lugo). Desde a alcaldía pedían o apoio de toda a corporación para solicitar esa entrevista, na que lle ían propoñer unha serie de investimentos para Ribadeo. Desde logo, desde o BNG compartimos estas e outras peticións que beneficien Ribadeo. Ao longo dos nosos sucesivos gobernos así o fixemos: sempre petamos en todas as portas para lograrmos recursos”.
“Pero postos a facer propostas, e para darlle máis verosimilitude a cada unha delas, era bo mostrar a nosa intención, como ente local, de solicitarmos tamén axudas á Xunta e mesmo ao goberno central. Podemos, e queremos instar á Xunta a que faga reais os 700.000€ prometidos para a reforma integral do Hospital Asilo, que faga tamén real a ilusión de dispoñermos dun campo de herba artificial (con 800.000€ sería posíbel). Tamén cremos que xa vai sendo horas (móllese señor Rueda, marque a diferenza con Feijoo) de que aumente a dotación do Fondo de Cooperación Local”.
“Pero coa Xunta topamos no camiño! Cando o alcalde de Ribadeo deu entendido o sentido da nosa emenda (custoulle un chisco) volveuse atrás e dixo que non se podían mesturar os allos cos bugallos, que á Xunta xa se lle podería pedir outro día. Así entende o PP de Ribadeo a mediación: -se dis o que eu digo, digo que es boa xente; e senón…-. Non tardou nin cinco segundos en acusarnos de que non queriamos melloras para Ribadeo”.
“Pero falta á verdade: nos querémolas veñan de onde veñan. E así o demostramos durante moitos anos e volveremos demostralo. Ben deitou o PP local nestes dez meses das inauguracións de proxectos deseñados desde o anterior goberno e que contaron co apoio da Deputación Provincial de Lugo. E ao mesmo tempo, o PP de Ribadeo, co seu alcalde á cabeza, pretende demandar achegas a unhas institucións, pero a outras non”, conclúe o BNG.