Burela, 11 de maio de 2024. O Concello de Burela presenta a súa programación para conmemorar as Letras Galegas 2024, cunha proposta de actividades que se estenderá durante unha semana.
“Entre as actividades, destaca o buzón de intercambios de lectura, que instalaremos no parque Rosalía de Castro, unha iniciativa que anima a compartir os nosos libros cos veciños e veciñas”, sinala Carmela López, alcaldesa de Burela.
Na tarde de ontes, venres 10, celebrouse o primeiro evento do programa, cun concerto da Escola de Música no Hospital. Hoxe, sábado 11, actuarán as voces e arpas ‘Luvavai’ ás 20.00.
O domingo 12, o Auditorio Municipal de Burela recibe ás 20.00 o 32º Festival das Letras Galegas, coa actuación da Coral Parroquial de Landrove (Viveiro), a Coral Polifónica de Cariño e a Coral Polifónica de Burela.
“Agradecemos a todas as entidades a súa colaboración nestas iniciativas, así como á veciñanza que se sumará de seguro a moitas delas”, engade o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado.
O mércores 15, o Concello propón a decoración dun photocall con motivo das Letras Galegas, adicado á escritora Luisa Villalta, impulsado polo grupo de participación adolescente do Concello de Burela. O xoves 16 será o maratón de escritura cos centros educativos no salón de plenos do Concello.
Por último, o venres 17 de maio, durante a mañá decorarase o kiosco con voluntarios do club de lectura e inaugurarase o buzón de intercambios de lectura no parque Rosalía de Castro.
“A programación deste ano é variada, abarcando máis alá da lectura e chegando a outros aspectos culturais, como a música, con opcións para todas as idades”, resume a concelleira de Cultura, Lina Gómez.