Viveiro, 10 de maio de 2024. O Alcaldía de Viveiro aclara que actualmente só está pendente a asignación de orzamento para aboar o 2,5% das facturas recibidas en 2023, un total de 80. Durante o pasado exercicio, a alcaldía impediu a paralización dos servizos básicos, como a enerxía, protección social ou eventos culturais, para os que nese momento non se contaba con consignación orzamentaria.
“Este mecanismo, previsto na Lei, permite garantir os servizos para a cidadanía e aprazar a consignación dunha partida orzamentaria”, explica a alcaldesa, María Loureiro.
Esta decisión xerou 293 facturas que non contaban cunha partida orzamentaria consignada, pero das cales 213 afrontaranse co remanente de tesourería de 2023. Das 3.116 facturas recibidas no anterior exercicio, a concellería de Facenda só ten pendente consignar partida para 80, que estarán incluídas no orzamento de 2024, unha vez sexa aprobado polos grupos.
Dende a alcaldía apuntan que estas facturas, a maioría recibidas no segundo semestre de 2023, destináronse a servizos públicos, como protección social, cultura ou deporte, entre outros. A alcaldía decidiu evitar a paralización destes servizos básicos, evitando a súa supresión ao non contar cunha partida orzamentaria de forma ordinaria e que, por unha razón técnica, non se puideron aplicar no orzamento prorrogado de 2023.
As facturas foron imputadas ao orzamento de 2024 mediante o remanente de tesourería de 2023, que superaba os 455.000 euros. Dende a alcaldía apuntan que os remanentes de tesourería deben de ser aplicados ao ano seguinte á súa consecución, de aí que se fixera en 2024.
O importe restante das 80 facturas pendentes, que ascende a 380.000 euros, incorporaranse con cargo ao orzamento de 2024. A alcaldía xa presentou o orzamento en decembro, rexeitado pola oposición, e segue a traballar na súa aprobación.
Esta forma excepcional de afrontar gastos básicos, está prevista na normativa correspondente para poder aprobar e recoñecer gastos que se teñan realizado nestas circunstancias.
Dende a concellería de Facenda explican que unha das razóns destas circunstancias foi o incremento dos costes dos subministros en 2023, como a enerxía eléctrica, que é de feito unha das partidas pendentes, descadrando os gastos previstos. A alcaldía insiste en que non se utiliza este procedemento de forma recorrente, pero que, dada excepcionalidade da situación, apostouse por esta vía para evitar suspender servizos básicos.
Dende a alcaldía lamentan que a voceira do Partido Popular califique de “despilfarro” estas facturas, cando se destinaron ao mantemento de servizos básicos como a protección social ou eventos culturais. Neste sentido, recórdase que a concellería de Facenda tivo que afrontar nos últimos anos o pago de case 900.000 euros en indemnizacións por dúas licenzas outorgadas polos gobernos locais do Partido Popular. “É unha pena que só falen de despilfarro cando os cartos se destinan a garantir recursos básicos para a cidadanía”, indica a alcaldía.