O conselleiro do Mar mantivo un novo encontro cos representantes das federacións de confrarías
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, mantivo un novo encontro cos presidentes das federacións das confrarías, na súa condición de organizacións máis representativas do sector. Na reunión o titular de Mar abordou o deseño de novas medidas de avance no marco do Plan de Competitividade e Sustentabilidade do Marisqueo en Galicia que supón a mobilización ata o 2025 de 123 millóns de euros.
Esta xuntanza é a segunda dunha intensa axenda de contactos cos representantes do sector ao longo de todo o mes de maio que servirán para afondar na cogobernanza como modelo de xestión da pesca galega froito do diálogo fluído e directo entre o Goberno galego e o conxunto da cadea mar-industria.
O conselleiro do Mar avanzou que se celebrarán xuntanzas específicas con cada unha das diferentes confrarías durante as vindeiras semanas para estudar con detalle as circunstancias e necesidades dos profesionais de cada unha delas. O obxectivo é configurar, en colaboración con estas entidades, medidas específicas adaptadas á realidade de cada lugar para así garantir unha maior eficacia das accións do Goberno galego en apoio do sector.
Mesas de traballo
Ao mesmo tempo, Alfonso Villares destacou a constitución de mesas de traballo integradas por persoal científico dos centros de investigación mariña autonómicos e os biólogos das propias confrarías, que sufraga a Consellería na súa meirande parte. A finalidade é complementar o labor que están a desempeñar estes profesionais por separado e unificar toda a información dispoñible para analizala e desenvolver solucións técnicas que permitan enfrontar con garantías os problemas multifactoriais existentes na actualidade.
Axudas executadas
O titular de Mar puxo en valor as axudas postas en marcha nestes primeiros meses do ano pola Xunta en apoio da actividade marisqueira co desenvolvemento de axudas extraordinarias e directas por valor de 4 millóns de euros para paliar os costes básicos aos que fan fronte os profesionais. A estas achegas sumou os 7,3 millóns de euros en axudas aos armadores e tripulantes afectados pola paralización da actividade extractiva en bancos marisqueiros que foron tratadas no último Consello do Executivo autonómica e que serán publicadas proximamente no DOG. Nesta liña, subliñou que estas medidas se están a despregar da man do propio sector, atendendo sempre as súas demandas e necesidades.